O domingo, a xornada comezou na praza da catedral de Mondoñedo coa visita á sé episcopal, continuou cun interesantísimo percorrido pola cidade e rematou na Ponte do Pasatempo. A visita foi guiada polo concelleiro de cultura, Xusto Fernández Haro e o arqueólogo municipal, Abel Vigo.
Despois dunha comida de confraternidade na Casa da Penela, en Masma, o grupo rematou a xornada na Fortaleza de Tovar, un espectacular edificio do s. XVI que domina o fermoso val de Lourenzá na parroquia de Sto. Tomé e que está aberto ao público desde comezos deste ano, despois dun admirable traballo de restauración e posta en valor, por parte do seu propietario, José Ventoso.
MariñaPatrimonio valora de xeito moi positivo estas xornadas de divulgación do patrimonio histórico mariñán e, especialmente, o resultado desta colaboración que abre a porta a un traballo de cooperación entre estes dous colectivos que comparten obxectivos e intereses en torno á defensa, divulgación e goce social do patrimonio cultural material e inmaterial así como natural, tan valioso como ameazado e necesitado de atención.
Nas próximas semanas, o colectivo ten programado un roteiro curto no concello de Cervo, para dar a coñecer e pór en valor a Fraga de Martín Paz, na cabeceira do Rio Covo, un espazo natural de bosque atlántico moi ben conservado e que, por iso, precisa ser protexido fronte á expansión do eucaliptal.