Dita diminución correspóndese coa do ano pasado porque, se esta se compara coa de hai dous exercicios, “a situación é moito máis espantosa”, pois en 2012 o Plan estaba dotado de 45 millóns de euros.
Para a Xunta de Galicia, explicou Álvaro Santos, semella que non foi suficiente con recortar de xeito brutal estas axudas, senón que, ademais, eliminou os criterios de reparto obxectivos e equitativos das mesmas. En convocatorias anteriores establecíase un mínimo por concello, en función do número de habitantes. Así, ata 1.000, terían como mínimo unha contratación; entre 1.000 e 2.000 dúas; entre 2.000 a 5.000 tres; entre 5.000 a 20.000 catro e, se contan cunha poboación superior aos 20.000 habitantes, podían ter ata cinco contratacións. Con esta distribución quedaba garantido un reparto equitativo a todos os concellos e, ao mesmo tempo, dábaselles a posibilidade a todos de prestar servizos e crear emprego. Non acontecerá así este ano, xa que a administración autonómica eliminou este criterios, co fin de favorecer “un reparto arbitrario e interesado”, afirmou o socialista.
Petición do PSOE
Estes dous feitos, o recorte drástico e dramático de axudas e a eliminación de criterios equitativos que garantan un reparto xusto e honrado dos fondos, “son inadmisibles”, segundo subliñan dende o PSOE. Por iso, os socialistas esixen que se amplíe a dotación orzamentaria destas axudas cando menos a niveis do ano pasado e que se modifique a orde para facer un reparto xusto das mesmas.
“Non podemos permitir que o presidente da Xunta se ría dos concellos e dos desempregados deste modo, sacando un plan que, malia ser fundamental para ambos, ten unha dotación orzamentaria de risa. Ademais, repartirase segundo a el, e a ao seu Partido, lles conveña, e non como necesitan os parados e as entidades locais”. Por este motivo, o secretario de Política Municipal agarda que o Goberno galego “sexa capaz de rectificar e comece a tomarse en serio o problema do desemprego, así como que desista do ataque permanente ao municipalismo, deixando aos concellos sen recursos para prestar os servizos básicos que tanto necesita a cidadanía”.
A este respecto, considera que Feijóo “non se toma en serio nin as súas competencias, nin o drama do desemprego en Galicia”, pois estas axudas son dende hai anos “unha ferramenta imprescindible para os concellos, para o desenvolvemento das súas funcións e, por outra banda, unha das poucas políticas activas de emprego da Xunta”.
“Uso partidista e electoralista”
Este Plan, amparado na orde do 22 de maio de 2014 pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego e mellora da empregabilidade no ámbito de colaboración coas entidades locais, permitía abordar dous obxectivos conxuntamente. Primeiro, a prestación de servizos básicos e o desenvolvemento das súas funcións e competencias ás entidades locais, atendendo traballos imprescindibles e de claro interés comunitario para os veciños e, segundo, a oportunidade de emprego para xente que está a sufrir o drama do paro.
Dados os recortes aplicados, e que foron explicados pormenorizadamente polo responsable da área de Política Municipal da executiva do PSdeG de Lugo, ponse de manifesto “a insensibilidade do goberno autonómico cos desempregados de Galicia e dos lucenses”. E é que, só nesta provincia, máis de 26.000 persoas non teñen traballo. Neste senso, e dadas as circunstancias, Santos considera “evidente a intención de facer un uso partidista e electoralista destas subvencións”, xa que, tal e como se pode ver na convocatoria, a administración autonómica “non tivo en conta as circunstancias de cada un dos concellos da nosa provincia”.