Site icon Crónica3.com A Mariña

Xa está en Galicia o terceiro radar Pegasus de vixilancia aérea de tráfico

A Coruña, 12 de xuño de 2014.- Este xoves chegou á Coruña o novo radar Pegasus que permitirá controlar desde o aire a velocidade nas estradas, principalmente as vías convencionais, que son as que rexistran maior sinistralidade. Este radar súmase aos dous existentes e irá instalado nun dos helicópteros da DXT. Desta forma cubrirá principalmente a zona noroeste da Península (Galicia, Castela e León, Asturias e Cantabria) desde as bases da Coruña e Valladolid, aínda que poderá sobrevoar outras estradas de España cando sexa necesario.

Este novo radar, do mesmo xeito que os seus antecesores, está dotado dun mecanismo e un software incluído na cámara de vixilancia que levan os helicópteros de Tráfico, de modo que capta a velocidade dos vehículos, ademais de poder detectar outras infraccións desde o aire.

BALANCE DE FUNCIONAMENTO
Desde que se puxo en marcha o primeiro radar Pegasus, en marzo de 2013, ata o pasado 30 de maio, realizáronse 498 horas de voo, controlouse a velocidade de 9.960 vehículos e denunciouse a 1.778 condutores por circular a unha velocidade superior á permitida.

A velocidade media á que circulaban os condutores dos vehículos denunciados era de máis de 30 km/h por encima á estipulada na vía. Aínda así, a velocidade máxima detectada e denunciada nunha estrada con límite de 120 km/h foi de 232. En estradas con límite de 100 km/h detectouse un vehículo a 195 km/h e no caso de estradas limitadas a 90 km/h, a velocidade máxima á que foi interceptado un condutor foi de 162km/h.

Estes excesos de velocidade supuxeron a perda 1.360 puntos aos condutores denunciados, destacando que a 24 deles, ese exceso de velocidade supúxolles a perda de 6 puntos (infracción moi grave).

Os radares Pegasus constan de dous cámaras, unha panorámica que facilita o seguemento e captación da velocidade e outra de detalle que ten un obxectivo que permite ler a matrícula do vehículo chegando ata a poder detectar velocidades de ata 360 km/h.

Tal e como estipula a Lei, o novo radar foi verificado e homologado polo Centro Español de Metrología, organismo dependente do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.

Este tipo de radares resultan operativos ata a 300 metros de altura e a unha distancia en liña recta co vehículo controlado dun quilómetro tal e como se puido comprobar nas imaxes que periódicamente facilitamos aos medios.

Exit mobile version