As persoas que merquen nos comercios asociados ao CCA recibirán durante todo o mes un cupón por cada 5 euros de compra, o que lles permitirá participar nun xogo en liña na web www.maisquecomercio.com.
Nesta páxina, votando ao seu establecemento favorito, os interesados poderán optar a unha tarxeta regalo de 200 euros e dúas de 100 euros en cada CCA para mercar no comercio local, así como a diferentes agasallos, como vales de compra e diferentes produtos achegados polos propios comerciantes. Ao remate do mes, o establecemento seleccionado polos clientes que participen na iniciativa recibirá un recoñecemento público ao seu labor.
Arias expuxo que esta iniciativa, desenvolvida pola Consellería de Economía e Industria, a través da Dirección Xeral de Comercio, percorre os diferentes centros comerciais abertos de Galicia durante todo o ano, “co obxectivo de resaltar os valores do comercio de proximidade como a calidade, o trato ao cliente, a diferenciación e a variedade”. Ao mesmo tempo, tal e como sinalou a delegada, que estivo acompañada polo presidente do CCA de Viveiro, Ánxel Vázquez, e por responsables do mesmo, “destácase o traballo que desenvolven os centros comerciais abertos”.
Con referencia a esta fórmula de asociacionismo, Arias sinalou que permite “o desenvolvemento de estratexias comerciais e a prestación de servizos de forma conxunta no pequeno comercio para mellorar a súa competitividade”.
Lembrou Arias que o impulso ao asociacionismo é “un dos eixos da estratexia específica da Xunta para o apoio ao comercio de proximidade”, dentro da cal vén de resolverse o programa de axudas ás asociacións de comerciantes para a dinamización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos, nas cales o CCA de Viveiro resultou beneficiado con apoio económico de 40.000 euros, incrementándose en máis dun 21% a contía con relación ao ano 2013.