Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta subvenciona 16 proxectos de voluntariado que levarán a cabo 69 mozas e mozos lucenses durante dous meses

Lugo, 14 de xullo de 2014.- A Consellería de Traballo e Benestar subvenciona a 16 concellos e entidades da provincia para o desenvolvemento de proxectos de voluntariado que deberán levar a cabo mozos e mozas menores de 30 anos e que terán unha duración de entre 15 días e dous meses.

A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, explicou hoxe este programa de axudas da Dirección Xeral de Xuventude que involucrará a 69 rapaces e rapazas de Lugo en actividades sociais e culturais a favor da comunidade.

A delegada sinalou que en Lugo presentaron solicitude 8 concellos, que se van repartir 13.486 euros, e 8 entidades de acción voluntaria, que van recibir 9.503 euros en base aos proxectos de acción voluntaria presentados, nos que se implican 26 mozos e 43 mozas que farán 14.238 horas de voluntariado.

As actividades con colectivos en situación de risco supoñen o 56% dos proxectos subvencionados na provincia, seguidas das iniciativas de actuación con colectivos xuvenís, que son o 37,5%.

Teñen tamén presenza as actividades relacionadas coa igualdade de xénero (12,5% das iniciativas subvencionadas) e co Camiño de Santiago (12,5%) así como accións de recuperación da cultura, arte ou tradicións populares galegas (6,25% dos proxectos).

Ao finalizaren os proxectos, as persoas voluntarias obterán da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado un certificado de educación non formal acreditativo da acción voluntaria desenvolvida, en base ao cal poderán solicitar a certificación de experiencias voluntarias que establece a normativa do Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia.

Raquel Arias subliñou que é “do máximo interese” para a Consellería de Traballo e Benestar “colaborar na promoción de actividades no ámbito do voluntariado, que inflúen positivamente no desenvolvemento comunitario, e máis aínda se involucramos á mocidade nestas accións”.

Exit mobile version