Site icon Crónica3.com A Mariña

A sala de exposicións da Fortaleza de Tovar foi inaugurada con 16 maquetas dos fondos do Museo Provincial

rIMG_6671Lourenzá, 7 de xullo de 2014. O vicepresidente da Deputación de Lugo e o delegado de Cultura da Deputación, os nacionalistas Antonio Veiga e Mario Outeiro, respectivamente, participaron este luns, na inauguración da exposición de maquetas, realizada con fondos do Museo Provincial de Lugo, que se organiza con motivo da apertura da sala de exposicións da Fortaleza de Tovar, en Lourenzá. Unha mostra con dezaseis maquetas artesanais que representan 6 pallozas dos concellos da montaña lucense e dez construción de interese etnográfico vencelladas ao Camiño Francés a Santiago ao seu paso pola provincia de Lugo, que permanecerá aberta ao público ata finais de outubro do presente ano.

Durante a inauguración da exposición, o vicepresidente da Deputación destacou a importancia da mesma en canto “nos permite coñecer máis de preto o noso patrimonio histórico, traendo á comarca da Mariña construcións típicas das comarcas da Montaña e Sur de Lugo”.

“Ademais, que estas pezas do Museo de Lugo estean hoxe aquí no Pazo de Tovar, é unha boa proba de que dende a Rede Museística Provincial, que xestionamos dende a área de Cultura dependente da Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo, imos polo bo camiño, posto que estamos facendo dos museos, lugares dinámicos e cheos de actividade, e esta iniciativa, vai nesa liña, xa que os fondos dos museos son da veciñanza e para a veciñanza, e non se deben converter en material de almacén”, concluíu Antonio Veiga.

Posta en valor do patrimonio arquitectónico galego
A colección de maquetas recollidas nesta mostra divídese en dous tipos de construción: seis delas son pallozas, edificación tradicional de pranta circular ou rectangular, de muros baixos e cuberta cónica de palla de centeo, propia do noroeste peninsular e de raíces prerromanas. Este tipo de vivenda estivo en uso ata a 2ª ½ S.XX. A súa característica principal é que mediante os grosos muros, a cuberta baixa e a case total ausencia de vans, se consegue unha temperatura media constante a redor dos catorce graos mesmo cando fora a neve o cobre todo. No interior da palloza homes e animais conviven aínda que a edificación se subdivide en tres departamentos: a vivenda propiamente dita, a cadra das reses vacúas e a do gando lanar, porcino ou caprino.

As outras dez maquetas corresponden a construcións reais que se atopan nos enclaves principais do Camiño Francés na provincia de Lugo. Así, a exposición está formada polas seguintes 16 maquetas: a Palloza de Sevane, en Navia de Suarna; Palloza en Vilarguide, Navia de Suarna; Palloza en Pedrafita do Cebreiro; Palloza en Paradavella, A Fonsagrada; Palloza en Veiga do Seixo, e Palloza en Piornedo, as dúas en Cervantes; a Capela de Santa María das Neves, en Portomarín; a Capela do Ciprés, en Samos; a Rectoral de Ligonde, en Monterroso; a Casa da Eirexa, en Pasante, Triacastela; fachadas das Vila de Sarria; Vilachá de Cortés, en Paradela; Muíño de Portomarín; Casa Grandal, de San Cristo do Real, en Samos; Rosario, en Palas de Reis; e o Hospital da Condesa, hospital de Pedrafita do Cebreiro.

A exposición complétase con fotografías da fortaleza de Xiá, xa que o Pazo de Tovar, recentemente restaurado, foi propiedade desde finais do século XVI da mesma familia que a Torre de Xiá, en San Paio de Narla, hoxe propiedade da Deputación de Lugo e que alberga o Museo Fortaleza de San Paio de Narla, en Friol (Lugo).

A historia da Fortaleza de Tovar
No século XVI, como consecuencia do matrimonio contraído entre Fernando das Seixas, señor da Fortaleza de San Paio de Narla, e Aldonza de Ulloa, filla dos señores da Fortaleza de Tovar, nacería Brianda de Tovar. Esa descendente, que casa con Alonso Ordóñez das Seixas e Tovar, herda a Fortaleza de Lourenzá pasando no 1548 a ser propiedade dos Vázquez de Seixas na persoa de Don Fernán, señor de San Paio de Narla, fillo de Alonso e Brianda.

Estas “testemuñas documentais” mostran a vinculación histórica entre o Pazo de Tovar e a Fortaleza de San Paio de Narla. Esta última é propiedade provincial dende o ano 1939. No 1983 abre as súas portas como Museo Etnográfico, sendo obxecto dunha última reforma no ano 2003.

Exit mobile version