Site icon Crónica3.com A Mariña

A adhesión a un convenio co Inega e a regulación das taxas da Escola de Música, a debate no pleno extraordinario en Burela

Burela, 22 de xullo de 2014.- Este mércores haberá pleno extraordinario no Concello de Burela ás 10 da mañá. Dous asuntos centran a orden do día: a adhesión a un convenio subscrito co Inega para realizar melloras de aforro enerxético e a modificación da ordenanza fiscal nº 5, que é a relativa ás taxas da Escola Municipal de Música.

O Concello adherirase a ese convenio co Inega, a través do que recibe unha subvención de 26.000 euros, que se destinará a realizar diversas melloras de aforro enerxético. Segundo lembra o alcalde, José Mª González Barcia, “nós tiñamos solicitado unha subvención de 30.407 euros. Esta foi aceptada pola Xunta, que nos aporta o 85%, é dicir preto de 26.000 euros, e o Concello achegará 4.561 euros para facer eses traballos”.

O Concello substituirá lámpadas e luminarias en tres zonas: en Vilar, onde o ano pasado xa fixo unha actuación similar a esta, pero quedou sen rematar. E tamén nas rúas da Igrexa e Vilaestrofe. O rexedor dixo que “na zona de Vilar vanse substituír 31 lámpadas; na rúa da Igrexa vanse cambiar 14 luminarias, é dicir 61 lámpadas; e na rúa Vilaestrofe serán substituídas 9 luminarias, 79 lámpadas”.

Deste xeito o Concello continúa actuando en materia de aforro enerxético substituíndo lámpadas de alto consumo e de gran potencia por outras de baixo consumo e de menos potencia, “así aforramos enerxía e tamén cartos”.

Exit mobile version