Site icon Crónica3.com A Mariña

A Comisión do Carme agradece a todos os veciños, colectivos e empresas que colaboraron nas festas de San Cibrao

A Comisión de Festas do Carme quere facer un agradecemento público a todas as persoas, colectivos e empresas que colaboraron e apoiaron esta celebración, facéndoa posible. Primeiro de todo, a comisión quere dar as grazas “a todos os veciños que colaboraron facendo doazóns, porque as súas achegas son fundamentais para poder organizar as festas”.

Ademais quere facer unha mención especial aos veciños e veciñas que durante 15 días traballaron cortando a tuia para as alfombras florais, dedicándolle unhas 10 horas diarias a esta tarefa e que “fan un traballo impagable” e tamén a todos os que a confeccionaron o día da procesión.

A comisión tamén quere agradecer a súa colaboración a persoas particulares como o pregoeiro, Antón Mosquera; a Pepe Rey, que tivo un papel importante na revista das festas; a Monterroso, polo lanzamento das bombas de palenque, ou a María del Mar Otero pola ofrenda floral.

En canto a colectivos, agradecer tamén á Coral do CIT, ao Club Medela MTB, e aos grupos de teatro Ardora e O Bordelo. Sen esquecer a todas as empresas e comercios que fixeron as súas achegas económicas ou que colaboraron anunciándose na revista das festas. Tamén salientan a colaboración do Concello de Cervo, que fai unha aportación importante ás patronais, ou a do Concello de Xove.

“As Festas do Carme son o resultado dos esforzos de moitas persoas, colectivos e administracións, que coas súas achegas particulares conseguen un obxectivo común: poñer en marcha unhas festas para todos os públicos e con multitude de actividades en diferentes puntos de San Cibrao para activar a economía en diferentes zonas” asegura o presidente da Comisión, José Ramón Soto.

Ao mesmo tempo a Comisión fixo balance do desenvolvemento das festas. “A participación veciñal foi destacable, e o seguimento das festas moi positivo, xa que todas as actividades tiveron moita afluencia”.

Exit mobile version