Site icon Crónica3.com A Mariña

A Conselleira do Mar será a pregoeira da XXX Feira do Bonito de Burela que se celebrará o 2 de agosto

240714 Foto bonito e ProduartBurela, 24 de xullo de 2014. A conselleira do Mar, Rosa Quintana, será a pregoeira da XXX Feira do Bonito que terá lugar en Burela o vindeiro 2 de agosto. Esta festa e a décimo segunda edición de Produart foron presentadas este mediodía no barco museo Reina del Carmen.

O alcalde, José Mª González Barcia, dixo que “chegamos ao primeiro fin de semana do mes de agosto, que desde hai anos se ten configurado como un referente no panorama turístico e cultural de Burela, do conxunto da Mariña e de boa parte da provincia de Lugo. Como ven sendo habitual desde hai 12 anos van coincidir unha nova edición da feira de produtos artesanais e ecolóxicos Produart, que organiza a Fundación Expomar, xunto coa trixésima edición da Feira do Bonito, que organiza a Sociedade Cultural Ledicia, festa que está declarada de interese turístico galego”.

O rexedor indicou que “Produart vai estar aberta os días 1, 2 e 3 de agosto no recinto da nave de redes e chega practicamente repetindo o mesmo número de expositores que o ano pasado, incluso con maior diversidade que nas anteriores edicións, presentando gran variedade de produtos que van desde alimentos perecedoiros ata produtos manufacturados”.

E engadiu que “pola súa parte a festa do bonito chega á súa trixésima edición con cambios importantes dentro da súa organización: as actividades pasan a ser fundamentalmente a mediodía e a primeira hora da tarde e este ano vamos ter a honra de contar cunha pregoeira de gran entidade, porque coincidindo precisamente coa trixésima edición propúxoselle á conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana Carballo, ser a pregoeira da festa do bonito, un evento emblemático dentro do panorama gastronómico, turístico e cultural da nosa comunidade autónoma e un punto de referencia dentro do mundo da gastronomía, como se ven demostrando nos últimos anos. E a conselleira aceptou de moi bo grado ser a pregoeira desta festa, que para Burela é todo un emblema e na que colabora o Concello”.

González Barcia sinalou que “o Concello de Burela colabora tanto na organización da propia feira Produart, aínda que depende da Fundación Expomar, pero pon a disposición de Produart todos os seus recursos materiais e humanos exactamente igual que ocorre coa festa do bonito. Nosoutros colaboramos de forma moi activa coa Sociedade Cultural Ledicia para que a festa do bonito sexa todo un éxito”.

O rexedor agradeceulle “unha vez máis á Sociedade Cultural Ledicia e a ese máis dun centenar de voluntarios e voluntarias que Ledicia mobiliza, porque grazas a eles se pode sacar adiante a organización dunha feira coma esta. Esperamos e confiamos que sexan moitos os visitantes que acudan aquí, a Burela, durante ese fin de semana e que saiban valorar o que se expón e o que se vende en Produart e tamén saiban valorar e estimar na súa xusta medida a importancia, tanto gastronómica como socioeconómica, que ten o bonito, a través da celebración desta festa que chega a súa trixésima edición”.

Exit mobile version