Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación acolle unha xornada para informar ás entidades locais sobre a xestión de fondos europeos na etapa 2014-2020

A Deputación de Lugo acollerá este venres, a partir das dez da mañá, no Salón de Actos, unha xornada formativa dirixida ós Concellos sobre a xestión de fondos europeos para a etapa 2014-2020. Baixo o título Preparación das entidades locais ante os novos programas de financiamento comunitario durante o período 2014-2020, o encontro dará coñecer as novidades do novo marco financeiro europeo e as posibilidades que este ofrece ás corporación municipais que xestionen fondos ou programas europeos, ou que teñan unha idea de proxecto.

Esta convocatoria gratuíta aborda as pautas e recomendacións para conseguir que Galicia acade os obxectivos da Estratexia Europa 2020, que finca os seus piares básicos nun crecemento sostible e integrador de todos os países da Unión Europea. Este ciclo non está formulado como unha lección maxistral, senón que serán mesas redondas participativas, nas que os asistentes poderán realizar consultas directas con destacados expertos na materia, que realizarán recomendacións para por en marcha iniciativas que atendan ós principios estratéxicos de crecemento comunitario de cara aos vindeiros 6 anos.

Xornada curta, pero intensa
Esta xornada, organizada pola institución luguesa, en colaboración coa Fundación Galicia Europa, a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e a Consellería de Presidencia, contará coa presenza de profesionais como Mayte Carracedo e Graciela Garrido, directora xeral e directora da Zona Norte da consultaría Econet S.L., respectivamente, que amosarán algunhas fontes alternativas de financiamento para incentivar o crecemento económico.

As charlas comezarán as 10:00 horas da man de Mayte Carracedo, versando a súa ponencia sobre as novidades do marco financeiro plurianual 2014-2020 e nos programas de xestión indirecta, dando a coñecer as principais prioridades dese marco e as áreas de financiamento. A continuación, a directora xeral de Econet S.L. fará unha breve introdución á Política Rexional para continuar coa explicación do procedemento de programación. Os diferentes Fondos Estruturais (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional –FEDER-, Fondo Social Europeo –FSE- e Fondo de Cohesión) e a Cooperación Territorial Europea serán outros dos temas que se porán encima da mesa.

Tras esta conferencia, ás 11:45 horas, Graciela Garrido plantexará os aspectos clave e as características comúns da xestión directa dos fondos europeos. Os principais programas para as entidades locais (Europa Creativa, Cidadáns con Europa, Erasmus + e Life) xunto coas convocatorias abertas e ferramentas existentes para facilitar a participación neste novo financiamento serán explicados minuciosamente pola directora da Zona Norte de Econet S.L. En torno ás 13.00 horas celebrarase unha serie de reunións individuais, coas entidades que así o solicitaran, para a análise de posibilidades de financiamento para os seus proxectos.

Exit mobile version