Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación de Lugo, a primeira de Galicia co dominio .gal

A Deputación de Lugo é a primeira das catro institucións provinciais de Galicia en contar co dominio .gal, unha mostra máis das súa decidida aposta polas novas tecnoloxías, así como pola defensa da identidade e a lingua galegas e a súa promoción e visibilidade na Internet. Deste xeito, o enderezo da Deputación lucense pasa dende hoxe de ser www.deputaciolugo.org a www.deputacionlugo.gal.

De entre as 134 solicitudes presentadas, a candidatura da Deputación lucense foi unha das 93 seleccionadas para o lanzamento do dominio pola Asociación Puntogal, a encargada de facer as avaliacións. Para elo, o colectivo seguiu criterios de representatividade na sociedade, contribución ofrecida ó lanzamento do .gal e garantindo que todos os sectores sociais estean representados. Empregar a lingua galega nas súas comunicacións en liña, promover os diferentes aspectos da cultura galega na Rede e dirixir especificamente á comunidade galega as súas comunicacións e servizos foron aspectos valorados para aprobar a candidatura da Deputación.

Entre as múltiples vantaxes que, segundo os expertos, ofrecerá o uso do dominio .gal, destaca a do retorno económico directo que suporá, xa que dende o punto de vista empresarial os produtores ou comercializadores de produtos galegos contarán cun plus de calidade e posicionamento de mercado. O dominio supón ademais un factor de cohesión que incrementa o sentimento de pertenza a unha comunidade; favorece a normalización lingüística, ó ofrecer máis visibilidade na rede á lingua galega; e mellora o desenvolvemento da Internet galega, facilitando o labor dos buscadores para as consultas que se realicen en galego ou sobre Galicia.

O proceso posto en marcha para estender o uso do primeiro dominio galego consta de tres fases. A primeira delas, a citada Pioneiros, remata hoxe mesmo, e estará seguida pola fase Abrente, entre setembro e novembro, na que entidades públicas e privadas poderán exercer o seu dereito preferente de solicitar o seu dominio actual. Paralelamente, desenvolverase a fase Carreira, dirixida ó público en xeral para os enderezos que non teñan dereitos preferentes. Finalmente, en decembro, comezará a fase aberta, na que todo o público poderá acceder ó seu propio dominio .gal sen máis restricións, como sucede con calquera dos dominios que levan tempo na Rede.

Exit mobile version