Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP asegura que “a Deputación de Lugo deixa ao descuberto máis do 84% do Servizo de Axuda do Fogar”

Lugo, 18 de xullo de 2014.- O Grupo Provincial do Partido Popular explica que coa aprobación este venres en Xunta de Goberno das subvencións destinadas a gastos correntes do Servizo de Axuda no Fogar na modalidade de prestación básica (SAF Básico), a Deputación Provincial de Lugo continúa a asentarse nunha política de insensibilidade e de castigo aos maiores e dependentes ao deixar durante este 2014 e, “un ano máis”, ao descuberto como mínimo un 84% do Servizo de Axuda no Fogar.

Os populares explican que a contía total que se consigna nas diferentes subvencións concedidas maniféstase de novo insuficiente para garantir a prestación dos servizos sociais na provincia e non garante que a Deputación cumpra co mínimo competencial que se regula na normativa en vigor, o decreto 99/2012 de 16 de marzo.

Deste xeito, dende o GPP lamentan que as decisións da Deputación obriguen aos veciños e aos Concellos a cubrir o custo do SAF ante a política de “insensibilidade” dos responsables institucionais Besteiro (como presidente da Deputación) e Veiga (como deputado que asume competencias de benestar). “Socialista e nacionalista aférranse a non dar cumprimento a esta normativa, preferindo deixar, incluso, sen gastar a partida destinada a benestar tal e como aconteceu na anualidade de 2011”.

Só un de cada 16 euros
“Só un de cada 16 euros, será o que achegue a Deputación Provincial de Lugo durante o 2014”, reiteraron os populares, ao que engadiron que esta porcentaxe de colaboración da Deputación probablemente se volva máis inferior cando se analicen os datos en relación co custo total que supuxo o servizo a finais de ano.

Os populares realizan a comparativa do que aporta a Deputación este ano para o SAF 2014 respecto ao custo total do servizo durante a pasada anualidade, porén, a contía do Servizo de Axuda no Fogar na modalidade de prestación básica a finais de 2014, previsiblemente sexa moi superior respecto ao 2013. “O incremento do servizo entre 2012 e 2013 foi de 1,5 millóns de euros”, exemplificaron os populares.

Análise por comarcas
A análise polas distintas comarcas, ao comparar o que lles destina esta anualidade a Deputación de Lugo aos concellos que integran cada unha delas respecto ao que custou o servizo durante o 2013; permítelles aos populares reprobar de novo os incumprimentos de Besteiro e Veiga dado que en ningunha chegan a cubrir o 20% do SAF.

Así, os populares explican que na comarca da Mariña a Deputación de Lugo Provincial de Lugo deixa ao descuberto o 84% do servizo. “Achegarán este ano pouco máis de 220.000 euros, fronte ao 1,4 millóns que euros que superará o orzamento do SAF na Mariña”, explicaron os populares.

Nas comarcas da Terra Chá e Meira a Deputación non chegará ao 85,87% e ao 82,99% dos gastos, respectivamente. “Estamos a falar dun servizo que custará máis de 700.000 euros na Terra Chá e máis de 93.000 en Meira, cando a Deputación aporta pouco máis de 100.000 euros a todos os municipios chairegos e 15.000 aos de Meira”.

Os datos, segundo os populares, se cabe, son máis negativos na comarca de Lugo onde a Deputación deixa ao descuberto o 87,94%; en Sarria o 78,84% e na Ulloa o 86,52%. Dunha maneira máis concreta, dende o GPP explican que na comarca de Lugo o SAF suponlle aos concellos e usuarios máis de 250.000 euros, mentres a Deputación só achega 30.000; na Ulloa achega uns 36.000 do total que pode superar os 260.000 euros; e en Sarria tamén aprobou 30.220 para un orzamento por riba dos 142.000 euros.

Na zona da montaña a administración provincial deixa ao descuberto o 81,56% do servizo nos distintos concellos dos Ancares e o 80,09% nos da Fonsagrada. No 2013 o orzamento do SAF nos Ancares foi de 207.059, a Deputación este ano achega 38.177; mentres que na Fonsagrada foi de 212.405 e a administración provincial aprobou neste 2014, 41.283 euros.

Por último, a situación é similar en Chantada cuxa axuda da Deputación non chegará ao 80,35% do custe; en Lemos non o fará ao 80,1% e en Quiroga ao 82,26%. “Na comarca de Chantada estamos a falar dunha achega de 33.000 euros para un servizo que superará os 170.000; na de Lemos a aportación é de 108.659 cando o orzamento será por riba dos 540.000; e en Quiroga 12.394 fronte a máis de 69.000 euros do custe do servizo.

A Deputación adebeda aos concellos máis de 5,4 millóns do SAF durante 2012 e 2013
A Deputación adebeda aos concellos da provincia máis de 5,4 millóns do SAF durante 2012 e 2013, unha cifra que irá en aumento; ao finalizar este ano.

Ante esta situación, os populares fixeron reivindicacións constantes para que a Deputación cumprise co decreto; atopándose sempre coa negativa do PSOE e do BNG que asenta a Deputación de Lugo na única administración provincial galega que non cumpre con este servizo.

Orzamentos participativos
O Grupo Provincial do Partido Popular considera que tanto Besteiro como Veiga teñen agora a oportunidade a través da elaboración dos orzamentos participativos de darlle cumprimento a demanda en materia de benestar que en reiteradas ocasións lle pediron tanto o PP coma os veciños.

Exit mobile version