Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación de Lugo pon en marcha esta semana 3 novas accións formativas para 45 desempregados

O Deputado de Cooperación e Asistencia ós Concellos, Álvaro Santos Ramos, supervisou este martes a posta en marcha dos novos cursos de formación, financiados pola Consellería de Traballo, e que se celebran nas instalacións da Granxa Gayoso Castro. Trátase das accións formativas Gandería Ecolóxica e Xestión de Repoboacións Forestais e Tratamentos Silvícolas. Santos destacou que “con estas iniciativas contribuímos ofrecendo alternativas de futuro para os lucenses, complementando a súa formación e axudando a aumentar as súas posibilidades de inserción laboral”. Son, en total, 1.464 horas de formación para 45 desempregados.

O curso de Gandería Ecolóxica arrincou este martes coa participación de 15 desempregados lucenses ofrece un total de 508 horas de formación en materias como manexo ecolóxico do gando; control da alimentación dos animais; control reprodutivo e sanitario; cría, recría e cebo do gando ecolóxico e produción procedente de animais ecolóxicos. Por outra banda, o de Xestión de Repoboacións Forestais e Tratamentos Silvícolas, que tamén conta con 15 alumnos, conta con 628 horas coas que os estes acadarán competencias en programación e organización de repoboación forestal; corrección hidrolóxica-forestal; ou realización de tratamentos silvícolas, así como coordinación de recursos humanos e materiais.

A estas accións, sumarase a que comeza o vindeiro día 6 de xullo nas instalacións do Pazo de Tor, no Concello de Monforte de Lemos, Dinamización de actividades de tempo libre infantil e xuvenil, que conta tamén con 15 alumnos e ofrece 328 horas de formación en organización, dinamización e avaliación de actividades de tempo libre educativo dirixidas en especial á infancia e xuventude.

Exit mobile version