Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación financia por 5º ano as auditorías para que 14 praias da Mariña reciban un selo de calidade ambiental

Roza RibadeoA Deputación de Lugo asume por 5º ano consecutivo o custe total das auditorías para que 14 praias da Mariña renoven os distintivos ISO 14001 e EMAS, os certificados ambientais de maior rigor a nivel mundial, concedidos segundo parámetros da Unión Europea e que garanten un plus de calidade. Os areais lucenses nos que xa se están a realizar os estudos para renovar estas certificacións son as seguintes: as focenses de Areoura, Llas, Peizás, As Polas, A Rapadoira, Os Xuncos, Alemáns, A Pampillosa e Arealonga; as vivarienses de Covas, Area e Sacido; e as ribadenses das Catedrais e Os Castros. Con esta iniciativa, o organismo provincial aforraralle ós Concellos de Foz, Viveiro e Ribadeo ó redor de 17.000 euros.

Aínda que este concellos se comprometeran a facerse cargo desta partida económica para renovar o selo de calidade, finalmente estes custes asúmeos de novo o ente provincial tendo en conta a difícil situación económica pola que atravesan as administracións locais debido á crise. Seguindo a liña de traballo de máxima cooperación cos concellos, a Deputación quere que a provincia de Lugo, e en especial A Mariña, siga sendo un referente en España e compita en calidade medioambiental con outras zonas da Península, como a Costa Dourada ou o Levante. Lugo é a provincia galega e a cuarta de España, so por detrás de Valencia, Castellón e Tarragona, con máis areais recoñecidos coas certificacións ISO 14001 e EMAS.

Este distintivo conta cun grao superior de calidade en relación coas Bandeiras Azuis, pois baséanse nunha norma obxectiva que emana directamente da Unión Europea. A Bandeira Azul analiza as praias como fotografías fixas nun momento determinado, mentres as certificacións ISO 14001 e EMAS garanten unha excelente calidade medioambiental e de servizos; ademais dunha mellora continua nos areais.

Beneficios
Estes selos de calidade levan consigo tres tipos de beneficios directos para os concellos que albergan este distintivo. Por unha banda, o beneficio ambiental, xa que este selo garante a incorporación de melloras continuas nos areais. Por outra banda, o beneficio que aporta a nivel de imaxe, dada a promoción que leva consigo, xa que as praias que gozan do selo figuran en diferentes rexistros sobre as mellores praias ós que teñen acceso os operadores turísticos e a cidadanía en xeral. Tamén lle abre camiño á participación en feiras e salóns turísticos, e permítelle ós municipios distinguido diferenciarse da competencia. Por último, leva tamén un beneficio económico, pois coa optimización da recollida de residuos, as entidades reducen estes custe e tamén o risco de recibir sancións polas posibles irregularidades medio ambientais nas que os concellos puideran incorrer.

Arranca o Plan de Roza en Ribadeo
Por outra banda, tal e como xa avanzara a Deputación, esta mesma mañá arrancaron os traballos de roza en Ribadeo, e en concreto no entorno da praia das Catedrais, co que a institución contribúe a manter a calidade e o atractivo dun dos símbolos turísticos da provincia e de Galicia.

A Deputación de Lugo inviste máis de 130.000 euros nos traballos de roza dos 800 quilómetros de estradas provinciais que discorren pola comarca da Mariña. Os labores, xa remataron no concello de Foz e, ademais de en Ribadeo, estanse a acometer en Viveiro e Cervo. Os traballos execútanse progresivamente, pois é imposible levalos a cabo en todos os municipios de maneira simultánea, xa que a Deputación ten que atender e actuar nos máis de 4.200 quilómetros de estradas provinciais, a rede máis extensa de España.

Exit mobile version