Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación inviste a cifra récord de 18 millóns no 1º Plan de Conservación que inclúe cláusulas que blindan ós traballadores

IMG_0641O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou este xoves en rolda de prensa un novo investimento de 18,2 millóns de euros nos 4.200 quilómetros da rede provincial de estradas, a máis extensa de España. Segundo avanzou, a Xunta de Goberno aprobará este mesmo venres os pregos de contratación do Plan de Conservación “máis ambicioso dos que leva impulsado” o organismo lugués, tanto no plano económico, polo orzamento récord previsto de 18,2 millóns de euros, que se executará entre este ano e o 2018, como no social, pois por primeira vez, incorpora cláusulas en defensa dos dereitos laborais dos traballadores. “Fomos a primeira administración pública de Galicia e a primeira Deputación en España que incorporou cláusulas sociais nos contratos de servizos. Agora damos un paso máis, estendemos o noso compromiso cos dereitos laborais, e impoñémolas tamén no Plan de Conservación de Estradas”, explicou o Presidente.

Deste xeito, no prego de condicións administrativas que aprobará a Xunta de Goberno figuran requisitos como os seguintes:
– Incorpórase como criterio de valoración o número de traballadores con contrato indefinido das empresas que presenten oferta.
– Teranse en conta as propostas que impliquen unha mellora nas condicións laborais e salariais con respecto ás establecidas no Estatuto dos Traballadores e no convenio de aplicación, neste caso, o de Edificación e Obras Públicas.
– Tal e como obriga a lexislación estatal e autonómica, a oferta económica puntúa moi significativamente, pero a Deputación non permitirá baixadas desproporcionadas ou anormais no prezo a costa de reducir en gastos laborais.

En canto á execución do contrato, tal e como sinalou Besteiro, as empresas deben cumprir coas condicións laborais que ofertaron, é dicir, manter o número de traballadores, contratos indefinidos e soldos; e deben manter tamén as condicións económicas e sociais previstas no convenio estatal ou sectorial.

Traballadores beneficiados
Coa introdución desta serie de cláusulas sociais, a Deputación blinda as condicións laborais de polo menos 80 traballadores, o número de operarios das empresas adxudicatarias que, como mínimo, prestarán servizos directos nas estradas a través deste novo Plan de Conservación.

Con estes 80 empregados, serán máis de 160 os traballadores beneficiados xa polo modelo de contratación pública socialmente responsable que ten en marcha a Deputación, pois, dende o mes de marzo, adxudicou xa outros 7 contratos de servizos con cláusulas sociais.

O Plan de Conservación de Estradas garante a atención continuada as 24 horas do día, os 365 días do ano, de calquera tipo de incidencia que se produza en calquera punto dos 4.200 quilómetros de estradas provinciais: limpeza de calzada e retirada de restos en caso de accidente, limpeza de vertidos, retirada de árbores caídas, neve e animais mortos, reparación de sinais ou prevención ante as xeadas… “Pero, ademais de todo isto, coa incorporación das cláusulas sociais, mantemos postos de traballo e blindamos as condicións laborais”, subliñou o Presidente.

Presuposto por zonas
Para acadar un servizo máis centralizado e eficaz, a Deputación ten distribuída a rede provincial en 8 zonas. Cada unha contará cun dispositivo mínimo formado por 10 traballadores e 28 máquinas, co seguinte orzamento:

– Zona 1: 1.799.512 euros para a conservación de 530 quilómetros de vías nos Concellos do Vicedo, Viveiro, Xove, Cervo, Burela, Ourol, Muras, Xermade e Vilalba.
– Zona 2: 1.834.118 euros para 618 quilómetros nos Concellos do Valadouro, Foz, Alfoz, Barreiros, Lourenzá, Ribadeo, Trabada, Mondoñedo, Abadín, Riotorto, A Pastoriza e A Pontenova.
– Zona 3: 1.862.335 euros para 668 quilómetros nos Concellos de Meira, Pol, Castro de Rei, Cospeito, Outeiro de Rei, Rábade, Lugo, Castroverde, Baleira, O Corgo, Láncara e Baralla.
– Zona 4: 1.839.442 euros para 680 quilómetros dos Concellos de Guitiriz, Begonte, Friol, Guntín, Palas de Rei, Antas de Ulla, Monterroso, Portomarín, O Páramo, Sarria e Paradela.
– Zona 5: 1.855.414 euros para 332 quilómetros nos Concellos de Ribeira de Piquín, A Fonsagrada, Negueira de Muñiz e Navia de Suarna.
– Zona 6:1.852.752 euros para os 334 quilómetros dos Concellos de Becerreá, Cervantes, As Nogais e Pedrafita do Cebreiro.
– Zona 7: 1.788.864 euros para os 313 quilómetros dos Concellos de Triacastela, Samos, O Incio, Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas do Sil.
– Zona 8: 1.860.738 euros para os 738 quilómetros dos Concellos de Bóveda, A Pobra do Brollón, Monforte de Lemos, Sober, Pantón, O Saviñao, Taboada, Chantada e Carballedo.

Como en ocasións anteriores, as zonas que reciben máis recursos son aquelas que, polas súas especiais condicións orográficas e climatolóxicas, requiren unha maior atención e, polo tanto, un maior esforzo de medios e persoal.

Exit mobile version