Site icon Crónica3.com A Mariña

A Federación Provincial presenta este venres no Vicedo o vídeo sobre a memoria histórica da Cofradía de Pescadores

A Federación Provincial de Cofradías de Pescadores de Lugo, continuando coas accións da súa campaña Mar de Lugo, presenta este venres en Ou *Vicedo o terceiro dos seis vídeos que forman a nova colección sobre a Memoria Histórica das Cofradías de Pescadores de Lugo, que se realiza en colaboración coas diferentes cofradías de pescadores de Lugo e coa axuda económica do GAC-01 (Grupos de Acción Costeira).

“As Memorias do Mar de O Vicedo” é unha película documental duns trinta minutos na que se presenta unha parte da memoria histórica do pósito de O Vicedo, cos recordos e reflexións de persoas relacionadas co mar, sobre todo mariñeiros xubilados e tamén outros en activo, así como representantes da propia Cofradía de Pescadores.

Do mesmo xeito que agora en O Vicedo e as semanas anteriroes en San Cibrao e Celeiro, nas próximas semanas seguiranse presentando os respectivos documentais sobre o Mar de Foz, Ribadeo e Burela, as outras tres cofradías de pescadores da costa lucense. En cada película repásanse os aspectos máis importantes na historia de cada porto: fábricas de salgadura, conserveiras, estaleiros e carpinteiros de ribeira, flotas, artes de pesca e as tradicións que viran ao redor do mundo do mar.

A presentación do vídeo terá lugar este venres 1 de agosto ás 8 e media da tarde na Casa da Cultura de O Vicedo. De cada un destes documentais edítanse 1000 copias en DVD, que se distribuirán gratuitamente a través de cada unha das seis cofradías de pescadores e da propia Federación Provincial de Cofradías, que tamén o empregará como material de promoción e divulgación en feiras de mostras, xornadas técnicas e outros eventos relacionados.

Exit mobile version