Site icon Crónica3.com A Mariña

A Federación Provincial presenta unha colección de documentais sobre a historia das cofradías de pescadores de Lugo

A Federación Provincial de Cofradías de Pescadores de Lugo, dentro das accións da súa campaña Mar de Lugo, presenta este sábado en San Cibrao o primeiro dos seis vídeos que forman a nova colección sobre a Memoria Histórica das Cofradías de Pescadores de Lugo, que se realiza en colaboración coas diferentes cofradías de pescadores da provincia.

“As Memorias do Mar de San Cibrao” é unha película documental duns trinta minutos na que se presenta unha parte da memoria histórica do pósito de San Cibrao, cos recordos e reflexións de persoas relacionadas co mar, sobre todo mariñeiros xubilados e tamén outros en activo.

Do mesmo xeito que en San Cibrao, nas próximas semanas iranse presentando os respectivos documentais sobre o Mar de Celeiro, de Burela, de O Vicedo, de Foz e de Ribadeo, as outras cinco cofradías de pescadores da costa lucense. En cada película repásanse os aspectos máis importantes na historia de cada porto: fábricas de salgadura, conserveiras, estaleiros e carpinteiros de ribeira, flotas, artes de pesca e as tradicións que viran ao redor do mundo do mar.

A presentación deste primeiro vídeo terá lugar na Casa de Cultura de San Cibrao este sábado 19 de xullo ás 21.00 horas. O seguinte dos documentais que verá a luz “As Memorias do Mar de Celeiro”, que se presentará en próximo sábado 26 de xullo ás 11.00 horas na Cofradía de Pescadores de Celeiro.

De cada un destes documentais edítanse 1000 copias en DVD, que se distribuirán gratuitamente a través de cada unha das seis cofradías de pescadores e da propia Federación Provincial de Cofradías, que tamén o empregará como material de promoción e divulgación en feiras de mostras, xornadas técnicas e outros eventos relacionados.

Exit mobile version