Site icon Crónica3.com A Mariña

A Pomba do Arco organiza as XIX Xornadas de Historia Local de Foz

Xornadas_2014_BAIXAFoz, 23 de xullo de 2014.- Como outro ano máis a asociación cultural focense A Pomba do Arco inicia as súas xornadas de historia local.
Serán catro días dedicados a dar a coñecer un pouco máis a historia do concello de Foz e por ende da Mariña luguesa. As citadas xornadas terán lugar na Casa da Cultura “Poeta Manuel María”, do concello de Foz os días 28, 29, 30 e 31 de xullo ás 20.30.

O día 28 comezarán as xornadas ca posta en escena da obra de teatro “De vello gaiteiro”, unha comedia escrita no ano 1929 por don Manuel Lugilde Penelas, que exercía de mestre en Foz. A primeira vez que se representou foi o 30 de novembro de 1929 no teatro Rosalía de Castro de Foz, 70 anos despois, en 1999, o grupo de teatro da Pomba do Arco poñía de novo en escena esta obra. Actualmente corresponde esta labor ao grupo focense de teatro Pico do Castro, que dan a esta obra uns tinxes máis actuais sen perder a graza e a esencia da obra estreada no 1929.
Algo característico desta obra é que foi composta en Foz e representada sempre por xente de Foz.

O día 29 o profesor Filipe Senén dará unha charla titulada Celtas e bretóns na Mariña lucense, na que nos falará amplamente da implantación do celtismo na nosa comarca así como da presenza de bretóns nestas terras. Tendo en conta isto abordará en profundidade temas como bispo Maeloc e o seu asentamento na actual parroquia de Bretoña e tamén falará do Mosteiro Máximo e a súa vinculación ca actual Basílica de San Martiño de Mondoñedo.

O día 30 o profesor Xosé María Leal Bóveda falaranos do ciclo do pan e dos distintos tipos de hórreos do concello de Foz. Charla esta que aporta datos novidosos sobre os distintos tipos existentes na mariña e sobre todo dos que no concello de Foz se conservan. Tamén abordará temas relativos á colleita, conservación e manufacturación de algo tan cotidiá como necesario, o pan.

O día 31 rematarase ca proxección do audiovisual “La guerra de Severo”, documental no que se recolle a vida e as andanzas do derradeiro guerrilleiro republicano, Adolfo Lucas Reguilón, ao que en Foz se coñecía como o mestre don Bernardo, pois baixo ese nome falso estivo vivindo e traballando na súa profesión de mestre de nenos en Foz varios anos, ata que no ano 1956 foi detido pola garda civil no lugar de Mañente. Unha emocionante vida recollida nun ameno documental que merece a pena visionar.

Exit mobile version