Site icon Crónica3.com A Mariña

A xaponesa Hiromi abre este xoves os concertos do Festival Ribadeo Jazz & Blues

Ribadeo, 23 de xullo de 2014.- Despois de recibir os aplausos do Festival de Montreux en Suíza e da sala Blue Note de Londres, a prestixiosa pianista Hiromi Uehara será mañá o prato forte do primeiro día de
concertos no recinto do Ribadeo Jazz & Blues. No Hiromi Trio Project rodéase de dous recoñecidos músicos que contan cunha extensa traxectoria musical, o baixista Anthony Jackson e a batería Simon Phillips.

Hiromi, malia a súa xuventude un asentado valor da escena jazzística mundial, compartirá este xoves escenario con dous novos talentos: os asturianos Alexandra in Grey, premiados fai pouco como grupo revelación e a formación galega Alfredo García Quartet, gañadores do concurso nacional de maquetas de jazz fusión.

As portas do recinto no que se celebrarán os concertos, nun terreo anexo á estación de autobuses, abrirán as 20 horas. A música empezará ás 21 horas con Alfredo García Quartet. A actuación de Alexandra in Grey está prevista para as 22.45 horas, mentres que o Hiromi Trio Project sairá ao escenario pasados 30 minutos da media noite.

Ademais da venda online, que continúará activa dende mañá ata o domingo a través do servizo de adquisición de localidades de Abanca, os aboamentos e entradas despacharanse ata as 19 horas na Antiga Oficina de Turismo, e a partir desa hora no recinto do festival. Este mesmo sistema repetirase os outros tres días de concertos.

Exit mobile version