Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta facilita a contratación de 108 socorristas para as praias e piscinas de 28 concellos da provincia

Lugo, 3 de xullo de 2014.- A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Traballo e Benestar, promove a contratación na provincia de Lugo dun total de 108 socorristas, que velarán durante o verán pola seguridade nas praias e piscinas dos 28 concellos lucenses que o solicitaron.

A Xefatura Territorial ven de comunicar as últimas autorizacións para a contratación de persoal, entre as que se atopa a do concello de Lugo, que tivo entrada a finais da pasada semana e foi comunicada esta mesma semana.

Ao respecto, cabe lembrar que a Xunta comezou a autorizar a contratación de socorristas xa a mediados do pasado mes de xuño, o que permitiu por exemplo que o servizo estea en marcha dende o primeiro de xullo na maioría das praias da Mariña.

Iso foi posible porque a orde de convocatoria das axudas especifica no artigo 12 que “unha vez presentada a correspondente solicitude, cada entidade local, para poder iniciar aqueles proxectos de urxente posta en marcha, poderá contratar anticipadamente aquelas persoas traballadoras desempregadas que lle sexan autorizadas pola respectiva xefatura territorial”.

Atendendo a esta cláusula, o día 18 de xuño comunicouse a autorización de 68 contratacións a Barreiros, Burela, Cervo, Foz, O Vicedo e Xove. A oportunidade para anticipar os contratos estaba aberta a todos os municipios e nos días seguintes fóronse sumando Ribadeo, Viveiro, Guitiriz e Lugo.

As axudas da Xunta de Galicia para este cometido rondan os 320.000 euros (317.497,76 euros), unha cifra semellante ao disposto no pasado exercicio. Con estas achegas facilítase que os municipios da costa poidan contar con persoal que garanta a seguridade e vixilancia das praias durante os meses de tempada de verán, pero tamén benefician a municipios do interior que contratan persoal de salvamento nas piscinas, neste caso, un total de 14 socorristas.

Nos municipios da Mariña traballarán 87 socorristas, 84 deles estarán destinados nas praias da comarca costeira lucense. A Xunta mantén nos areais da comarca da Mariña o mesmo nivel de especialistas do pasado ano.

Exit mobile version