Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta promove un investimento de preto de 1,34 millóns de euros para a mellora da rede viaria local dos concellos da Mariña

Lugo, 18 de xullo de 2014.- A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, subliñou este venres “a importante aposta” que realiza a Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural e do Mar, “por impulsar a mellora das dotacións viarias locais de todos os concellos da Mariña de Lugo”.

Arias destacou que o Goberno galego promove un investimento nesta área que rondará os 1,34 millóns de euros, dos cales o 75% proceden de fondos propios e fondos Feader xestionados polo Executivo autonómico.

Así se dispón no convenio que a Xunta asinará co Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente e a Deputación de Lugo -administracións que achegan o 25% de financiamento restante- para o arranxo de camiños e vías municipais na provincia de Lugo. Corresponderá aos concellos o pagamento do Imposto do Valor Engadido (IVE) das obras respectivas que se realicen en cada localidade.

A representante do Executivo galego na provincia sinalou que “o obxectivo fundamental das obras enmarcadas nestes proxectos é dignificar e mellorar a calidade de vida da poboación que reside nestas zonas e contribuír a arranxar as deficiencias que existen en determinadas zonas rurais”, para o que considerou que son os propios concellos quen mellor pode valorar as necesidades concretas en cada territorio.

O Plan Marco previsto no convenio é un plan orientado a financiar actuacións en materia de desenvolvemento rural. O seu propósito é “levar a cabo actuacións dirixidas a fomentar a implantación e mellora dos servizos básicos demandados pola poboación rural”.

Deste xeito, serán os propios entes locais os encargados da redacción dos proxectos. Este reparto amosa a colaboración ordenada de todas as Administracións, baixo a coordinación da Xunta de Galicia, que, con carácter previo consensuou nos últimos meses os criterios de reparto económico coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP).

Exit mobile version