Site icon Crónica3.com A Mariña

A XXX Feira do Bonito e a XII edición de Produart que se celebrarán esta fin de semana foron presentadas en Lugo

Burela, 28 de xullo de 2014. Este luns foron presentadas en Lugo a XXX Feira do Bonito e a décimo segunda edición de Produart. Foi no transcurso dun xantar que tivo lugar no restaurante Parrillada de Antonio.

No acto interviñeron: a deputada delegada de Economía, Pilar García Porto, o coordinador da Área de Mar na Mariña luguesa, Pablo Fernández Asensio, o secretario da Mesa do Parlamento, José Manuel Balseiro, o alcalde de Burela, José Mª González Barcia e a presidente da Sociedad Cultural Ledicia, Rocío Rivera.

Fernández Asensio dixo: “pescamos o bonito dunha maneira tradicional, comercializámolo cunhas etiquetas verdes e despois comémolo bonito. Agardo que este xogo de palabras de comemos o bonito, pescamos o bonito e comercializamos o bonito se entenda coa dobre lectura que pretendo”.

García Porto felicitou á organización da Feira do Bonito: “ten xa unha traxectoria importante entre as celebracións gastronómicas da provincia de Lugo e tamén pola transcendencia que se lle está a dar a un produto dunha grandísima e altísima calidade, que se comercializa principalmente a través da lonxa de Burela. Nós estamos encantados de poder participar e apoiar esta celebración porque entra dentro da filosofía que temos no goberno de Deputación, de promocionar os produtos de calidade coma un recurso económico para esta provincia”.

Pola súa banda, o secretario da Mesa do Parlamento, José Manuel Balseiro, sinalou na súa intervención que “Burela é un exemplo de bo facer co bonito do norte, é un exemplo que ven de moitos anos, que xera moita riqueza non só en Burela senón en toda A Mariña de Lugo. Hai que felicitar ao Concello e a todas as persoas que tiveron a iniciativa de facer un escaparate coma o que hoxe se está a presentar aquí. Cando falamos de bonito hai un porto que está moi por enriba dos mais e ese é o de Burela pola súa facturación, polo bo facer, pola pesca selectiva e polo emprego que xera”.

O alcalde de Burela, José Mª González Barcia, dixo que “hai moitos visitantes que marcan a primeira fin de agosto como cita ineludible dentro da súa programación veraniega. En Burela fomos capaces de conxugar a festa do bonito e Produart, que chega á súa duodécima edición. Detrás de todo isto están anos de traballo por parte das xentes do mar e tamén anos de traballo por parte das persoas e colectivos que teñen organizado estes eventos”. E engadiu que “hai que continuar a darlles promoción e a divulgalos canto máis mellor. Hai que buscar horizontes novos e segmentos de poboación distinta que nos poida visitar. Temos un produto de primeira calidade que é o bonito e temos un entorno, A Mariña, cunhas características moi singulares, que desde hai anos a inmensa maioría dos Concellos nos preocupamos por divulgar en conxunto, coma en Fitur, ou por separado”. O rexedor destacou a promoción turística marcada tras a segregación de Burela e que continúa na actualidade: as praias, o trato da xente, o barco museo Reina del Carmen, o porto de Burela e a pesca”.

E a presidenta da Sociedade Cultural Ledicia, Rocío Rivera, lembrou que “a Feira do Bonito cumpre 30 anos este sábado e a novidade deste ano é que a feira cambia de horario, sempre foi unha feira de tarde e nesta ocasión trasladamos ao mediodía tanto os actos institucionais como o horario en que realmente a xente poderá empezar a disfrutar do bonito. Haberá un acto no barco museo e despois terá lugar o nomeamento do asador maior e da colaboradora de honra, así coma a entrega de premios aos gañadores do concurso de carteis da feira. O pregón que pronunciará a conselleira do Mar, Rosa Quintana, dará comezo ás 14 horas e media hora despois dará comezo a degustación”. Serán 2.000 quilos de bonito os que se prepararán cocido, en empanada e asado á grella, e que darán para servir entre 3.500 a 4.000 racións para servir ao longo do día. Rivera destacou “a labor realizada polos máis de 120 voluntarios que traballan na súa preparación”.

González Barcia agradeceu a colaboración do restaurante Parrillada de Antonio, que un ano máis acolleu a presentación da Feira do Bonito en Lugo.

Exit mobile version