Site icon Crónica3.com A Mariña

ABANCA e a Deputación de Lugo únense para impulsar o crédito na provincia

ConvenioABanca(II)23 de xullo de 2014.- ABANCA e a Deputación de Lugo asinaron un acordo a través do cal a entidade financeira destinará 30 millóns de euros para financiar iniciativas enfocadas ao desenvolvemento económico e social da provincia. A rúbrica do convenio tivo lugar esta tarde en Lugo, coa participación de Francisco Botas, conselleiro delegado de ABANCA, e José Ramón Gómez Besteiro, presidente da Deputación de Lugo. O acto contou tamén coa presenza do Alcalde de Lugo, José López Orozco.

O Plan Activamos, denominación do convenio, vai dirixido a familias, empresas, corporacións locais e organismos autónomos. ABANCA financiará, en condicións preferentes con respecto ás estándar do mercado, proxectos relacionados coa formación, a accesibilidade das vivendas, a extensión das novas tecnoloxías, a eficiencia enerxética, o emprendimiento e a creación de emprego.

“Con esta iniciativa conxunta coa Deputación de Lugo esperamos contribuír, a través do financiamento, a que as familias, as empresas e as corporacións e organismos da provincia poidan facer realidade os seus proxectos”, resaltou Francisco Botas. “A nosa misión como entidade financeira é facer chegar os recursos alí onde son necesarios para xerar progreso e benestar común”, engadiu o conselleiro delegado de ABANCA. Gómez Besteiro destacou que “o importante é que flúa o crédito a familias, autónomos, pequenas e medianas empresas para favorecer o crecemento da economía da nosa provincia”.

Proxectos financiables
No ámbito da actividade empresarial ABANCA financiará a posta en marcha de novos negocios, as novas contratacións nos xa existentes, os novos investimentos empresariais e a realización de actuacións que contribúan a mellorar a eficiencia enerxética das empresas da provincia de Lugo.

Polo que respecta ás familias, a través do Plan Activamos ABANCA proporcionará recursos para a realización de programas de formación universitaria de grao e postgrao, a adquisición de equipamento tecnolóxico e conexión de banda ancha, a realización de obras para a mellora da accesibilidade e a eficiencia enerxética en vivendas, e a adquisición de vehículos eficientes.

As corporacións locais e os organismos autónomos poderán solicitar crédito tanto para a realización de investimentos coma para as súas necesidades de circulante.

Os produtos de financiamento contarán con tipos de interese bonificados en relación a oferta bancaria actual e sen bandas de flutuación. Ademais carecerán de comisións de apertura, estudo, amortización ou cancelación anticipada, dispoñerán de amplos prazos de amortización, e contarán con carencias naquelas modalidades nas que o cliente necesita un prazo para situarse en condicións de xerar ingresos.

Compromiso con Lugo
ABANCA é a primeira entidade financeira en Lugo, onde posúe máis do 34% das oficinas bancarias da provincia e duplica en número as sucursais do seguinte competidor. O banco dá cobertura a máis do 88% dos municipios lucenses.

Exit mobile version