Site icon Crónica3.com A Mariña

Afeccionados ó modelismo naval reunirán uns 50 barcos de radio control e estáticos na piscina de Lieiro

presentacion_radiocontrolCervo, 3 de xullo de 2014- O Concello de Cervo deu este xoves a coñecer unha actividade de modelismo naval que terá lugar na piscina municipal de Lieiro o 13 de xullo de 16 a 18:30 h. En concreto, trátase da navegación de radio control e a exposición de barcos estáticos. Unha iniciativa aberta ao público e gratuíta que organiza a Asociación de Modelistas Navais de Galicia (AMONAGA) e coa que colabora o Concello de Cervo.

O alcalde, Alfonso Villares, o edil de Deportes, Luis Guillén, e o Delegado Territorial de AMONAGA en Lugo, Severino Balseiro, deron a coñecer hoxe os detalles desta iniciativa impulsada pola asociación e apoiada polo Concello co obxectivo de “facer visible unha afección que conta con moitos seguidores en toda Galicia”, asegura Guillén. De feito, xa está confirmada a asistencia dunhas 25 persoas chegadas dende Ferrol, A Coruña, Vigo e Celeiro, a maioría socios de AMONAGA.

Ao mesmo tempo, o edil de Deportes destaca que os modelistas reunirán un total de 50 maquetas, entre radio control e estáticos. Polo tanto a actividade inclúe, por unha banda, a navegación libre de barcos a motor, que serán manexados polos modelistas; e, pola outra, unha exposición de maquetas que se poderá ver na entrada da piscina.

En canto á tipoloxía dos barcos, será moi variada, e recreando embarcacións de diferentes épocas: galeóns, veleiros, de guerra, remolcadores, gardacostas, mercantes, submarinos ou cargueiros. Guillén asegura que esta actividade será “moi vistosa e atractiva para persoas de todas as idades, pola súa orixinalidade e tamén pola espectacularidade dos propios barcos”.

Exit mobile version