Site icon Crónica3.com A Mariña

Aparecen de novo residuos voluminosos na área forestal da Grandadouro e o BNG pide ó Concello “prevención e concienciación”

residous-grandadouro+Nas últimas semanas volveron aparecer residuos voluminosos na lugar coñecido como A Grandadouro, unha masa forestal a carón do Instituto de Secundaria, cruzada por varias pistas e situada entre as estradas Ferreira-Foz e Ferreira-Mondoñedo.

Trátase de refugallos de varios tipos (rolos de arame, uralitas, plásticos industriais mobles…), os cales semellan ser restos dunha granxa, xa que hai varias gaiolas de grandes dimensións.

Este feito, que non é a primeira vez que acontece, está a causar preocupación e malestar entre os propietarios das plantacións forestais do lugar, xa que a práctica de botar lixo e residuos no monte é sempre reprobábel, mais se isto acontece en pleno verán, o risco de incendio medra de xeito alarmante, nomeadamente nestes días en que hai madeira recén cortada e tamén biomasa amoreada ao longo das pistas, dispostas para ser cargadas.

A Grandadouro é unha zona de monte baixo, na actualidade dedicada á plantación forestal e en menor medida ao pastoreo, hai meses, dende o BNG xa denunciamos o amoreamento de grandes residuos, mesmo obstruíndo as pistas forestais. Daquela diriximos unha comunicación urxente ao Concello de Alfoz e os restos foron retirados, mais non se traballou na prevención e concienciación como pediamos dende o BNG. Considerábamos daquela igual que hoxe, que é o Concello quen debe facer un labor pedagóxico e informar do grave e prexudicial que pode resultar a práctica de abandonar o lixo no monte, do mesmo xeito debe fomentar (con bandos, a través da web municipal…) o uso do Punto Limpo que Alfoz comparte con Ferreira.

O Concello debe en primeiro lugar xestionar a retirada dos refugallos, e en segundo lugar aplicar as estratexias de concienciación e prevención das que vimos de falar, pero tamén controlar esporádicamente esta e outras zonas boscosas para evitar a acumulación de refugallos, nomeadamente na tempada estival polo perigo de incendio.

Do mesmo xeito, se hai maneira de coñecer os autores destes despropósitos, ao Concello non lle debe tremer a man á hora de denunciar, xa que facer a vista gorda non supón unha actitude benevolente senón un prexuício para a poboación en xeral, ao deixar actuar os desaprensivos que contaminan e poñen en perigo unha das principais fontes de riqueza de Alfoz, o monte.

ASEMBLEA LOCAL DO BNG

Exit mobile version