Site icon Crónica3.com A Mariña

Aprobados obras e servizos na provincia por 23 millóns na Xunta de Goberno con máis investimentos da última década

040714 xunta gobernoA Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres obras e servizos por valor de 23 millóns de euros que beneficiarán ós veciños dos 67 Concellos da provincia, o que converte a sesión de hoxe na que recolle máis investimentos da última década, tal e como destacou á saída da mesma o Presidente, José Ramón Gómez Besteiro. “Avanzamos que esta sería unha Xunta de Goberno moi potente, moi inversora, e así foi, o que demostra o compromiso da Deputación cos veciños e concellos de toda a provincia, e que seguimos traballando intensamente a pesar de entrar nun época na que polo xeral baixa a actividade, como é o verán”, subliñou Gómez Besteiro.
Os investimentos aprobados na Xunta de Goberno de hoxe foron os seguintes:

– Plan de Conservación de Estradas: 18,2 millóns de euros. Como avanzou onte o Presidente, a Xunta de Goberno deu luz verde ós pregos de contratación dun novo Plan de Conservación para os 4.200 quilómetros de estradas da provincia, o máis ambicioso dos que impulsou nunca a Deputación, pois conta cun orzamento récord de 18,2 millóns de euros -a executar entre este ano e o 2018- e inclúe, por primeira vez, cláusulas sociais en defensa dos traballadores. A vicevoceira socialista do Goberno provincial, Pilar García Porto, lembrou que, coas cláusulas sociais, “blindamos os dereitos de 80 traballadores, os que, como mínimo, prestarán servizo á Deputación a través das empresas adxudicatarias deste Plan de Conservación”.

– Recuperación da colección de Álvaro Gil: 2,9 millóns de euros. A Xunta de Goberno aprobou o procedemento de contratación e do prego de cláusulas administrativas que rexerán o contrato de compra venda que a Deputación asinará cos herdeiros de Álvaro Gil para recuperar as 40 pezas da súa colección de ourivería como patrimonio de todos os lucenses.

– Convenio Deputación-Xunta para rehabilitar as pallozas do Piornedo: 260.000 euros. Tamén recibiu o visto bo na sesión de hoxe o convenio de colaboración da Deputación coa Xunta de Galicia por valor de 260.000 euros para rehabilitar as pallozas do Piornedo e dotar de servizos de saneamento e alumeado público ós veciños desta localidade.

A Deputación achega o 65,5% do investimento, e a Xunta o 34,5% restante para acometer as actuacións recollidas neste convenio, que ten a súa orixe nun acordo adoptado no Pleno provincial do pasado 1 de abril, coa abstención do Partido Popular, “no que pedíamos a colaboración urxente da Xunta e do Concello para acadar unha solución de alcance que resolverse o problema do mantemento das pallozas, así como a dotación de servizos básicos ó Piornedo”, indicou García Porto.

Unha vez aprobado o convenio na Xunta de Goberno, a Deputación está en disposición de asinalo acordo, á espera dos trámites que teña que completar a Xunta de Galicia.

– Dous novos plans para fomentar o uso das novas tecnoloxías: 1,3 millóns de euros. Ademais das tres actuacións anteriores, a Xunta de Goberno aprobou os pregos de contratación de dous novos plans relacionados coas novas tecnoloxías que contan cun orzamento global de 1,3 millóns de euros e cos que financia a contratación de case 70 persoas. Este amplo equipo de dinamizadores estará ó servizo dos 48 Concellos da provincia que no seu día decidiron adherirse ó programa Innova-TE, e tamén das pequenas empresas e autónomos da provincia, a custe cero para todos eles.

Para os concellos e a cidadanía en xeral
Ambas iniciativas están financiados nun 80% con fondos da Unión Europea a través do plan Innova-TE2. Por unha banda, 57 dinamizadores tecnolóxicos prestarán asesoramento gratuíto, individualizado e in situ ós traballadores municipais dos 48 concellos do Innova-TE para seguir fomentando o uso da Administración Electrónica e as novas tecnoloxías, e sacarlles o máximo partido. A Deputación “responde deste xeito á demanda que nos trasladaron os propios Concellos, que quedaron moi satisfeitos da primeira fase deste servizo, durante a que contaron con 5 dinamizadores durante case un ano”, destacou a vicevoceira socialista do Goberno provincial.

Neste caso, refórzase o equipo, pois pasan a ser 57 dinamizadores sociotecnolóxicos, pero tamén o seu ámbito de actuación, pois, ademais de estar a disposición dos Concellos, desenvolverán actividades dirixidas ós veciños en xeral co obxectivo de potenciar o uso das novas tecnoloxías e mostrar como se poden aproveitar todas as súas posibilidades a nivel persoal e laboral.

Para as empresas
Por outra banda, a Deputación poñerá en marcha o servizo innov@empresa 2.0, tamén respondendo a unha demanda, “neste caso a que nos trasladaron a gran maioría das 150 pequenas empresas lucenses ás que asesoramos e instalamos ferramentas tecnolóxicas o ano pasado a través do plan Reacciona coas TIC”, explicou García Porto. Como resposta a esta inquietude, engadiu, “poñeremos a disposición das PEMES e autónomos de toda a provincia un equipo de entre 7 e 10 dinamizadores, que prestarán un asesoramento gratuíto e personalizado para axudarlles a potenciar e mellorar a competitividade do seu negocio coas TIC”.

Haberá un grupo de dinamizadores itinerante, que acudirá ás empresas que así o soliciten, e outro fixo, nas instalacións que determine a empresa adxudicataria do servizo, ás que poderán dirixirse persoalmente ou vía telefónica os empresarios.

Os preto de 70 dinamizadores comezarán a traballar en outubro e rematarán a principios de marzo do 2015, avanzou García Porto, quen destacou con respecto á contratación dos traballadores que a Deputación “terá en conta as ofertas que respecten os dereitos e condicións laborais dignas dos empregados, no marco da noso compromiso cun modelo de contratación socialmente responsable”.

Placa de Honra a Darío Rivas Cando
A maiores de todos estes investimentos, a Xunta de Goberno acordou conceder a Darío Rivas Cando a Placa de Honra da provincia de Lugo en recoñecemento do seu labor a prol dos dereitos humanos e de defensa dos represaliados e familiares das vítimas da ditadura franquista. O acto está previsto para o vindeiro 31 de xullo, no Salón de Actos da Deputación.

Darío Rivas perdeu ó seu pai, alcalde de Castro de Rei, asasinado polos falanxistas no ano 36, mentres el estaba na Arxentina de emigrante. Nestes momentos, é o primeiro querellante na Arxentina contra os crimes do franquismo, unha querella que non puido saír adiante en España polo procesamento do xuíz Baltasar Garzón, e que retomou en Bos Aires a xuíza María Servini a raíz da denuncia de Darío Rivas. “É posible que esta sexa a derradeira vez que este home, que hoxe ten 94 anos, poida vir a Galicia, a súa terra natal, polo que consideramos que é o momento de organizarlle unha homenaxe de respecto e recoñecemento na provincia”, asegurou a vicevoceira socialista.

Exit mobile version