Site icon Crónica3.com A Mariña

As bandas de Villaviciosa, Viveiro e Ribadeo participarán no festival para conmemorar o Día da Patria galega

Ribadeo, 17 de xullo de 2014. As bandas de Villaviciosa, Viveiro e Ribadeo participarán no festival para conmemorar o Día da Patria Galega o 25 deste mes de xullo, venres. Ademais Amadores da Música celebrará o Día do Socio o 9 de agosto, sábado, e pon en marcha unha nova campaña de captación de asociados.

O presidente de Amadores da Música, José Luis Pulpeiro, anunciou hoxe que “dende a asociación estamos a mandar unhas cartas explicativas nas que se menciona a tódolos membros da nova directiva do colectivo. Facémolo para que toda aquela xente que non estea ao tanto dos cambios, vaia coñecendo a nova formación”. Entre os puntos fundamentais que se tratan nesas cartas enviadas aos socios, destacou que “en primeiro lugar, informamos sobre a celebración do próximo Festival de Bandas de Ribadeo. Terá lugar o día 25 de xullo a partir das 19:00 horas no Parque San Francisco e nel actuarán as bandas de Villaviciosa, Viveiro e Ribadeo. Este festival coincide dende hai anos coa data da celebración do Día da Patria Galega. Nesta ocasión vai a continuar facéndoo, aínda que a intención é que en anos posteriores o festival se celebre nunha data e o Día da Patria Galega noutra, por separado, como se facía nun principio. Esperamos que o festival sexa un éxito e que faga bo tempo”.

A directiva de Amadores da Música tamén deu a coñecer a celebración do Día do Socio, que “este ano celebrarase o 9 de agosto a partir das 21:00 horas no Auditorio de Cabanela. Alí os socios de Amadores poderán gozar dunha churruscada gratuíta. Para acudir a ela só teñen que levar a invitación persoal que recibirán coa súa carta estes días”. Os interesados en acudir deben confirmar a súa asistencia antes do día 6 de agosto.

O terceiro asunto que explican nas cartas aos membros de Amadores da Música “é a posta en marcha dunha campaña de captación de socios. Trátase dunha iniciativa novidosa e se os actuais membros do colectivo poñen un pouquiño da súa parte, facendo un socio novo, poderemos ter máis forza á hora de pedir subvencións e de traballar. Non cabe dúbida que non é o mesmo ter 500 que mil.” José Luis Pulpeiro recordou que “cada socio paga ó ano unha cota mínima de 12 euros, 1 euro ó mes, que nada é. Na carta envíase un cupón para que cada socio actual o cubra cos datos dun novo. Se o fai, o membro actual contará cun desconto de 12 euros na vindeira cota anual.”

O presidente de Amadores da Música tamén comentou que “a base de datos de socios está deteriorada e obsoleta. Non é culpa de ninguén, só de que cando se empezou a traballar nela non existían os medios tecnolóxicos que hai hoxe e era máis complicado actualizar os datos. Agora é máis doado, pero estamos arrastrando dende que a banda comezou a funcionar este desfase que tratamos de actualizar. Trátase dun traballo complexo porque non sabemos moi ben a quen dirixirnos ao non contar nas fichas cós teléfonos de contacto dos socios. Por iso pedímoslles a súa colaboración para que nos trasladen os seus números de contacto para poder actualizar a base de datos. Tamén queremos pedir desculpas por adiantado por seguir mandando cartas a socios que xa deixaron de selo ou faleceron. Facémolo sen ningunha mala intención, e imos intentar solucionalo en canto sexa posible”.

Exit mobile version