Site icon Crónica3.com A Mariña

As Carboeiras de Sargadelos acollen a mostra “51 páxinas das nosas letras”

inauguracion_exposicionCervo, 7 de xullo de 2014- A sala de exposicións das Carboeiras de Sargadelos exhibe dende este luns ata o 20 de xullo a mostra “51 páxinas das nosas letras”, unha exposición itinerante organizada polo Parlamento de Galicia coa colaboración da Real Academia Galega e da Xunta e que no caso da súa parada en Cervo conta tamén co apoio do Concello.

Esta tarde tivo lugar a inauguración, á que asistiu a presidenta da Cámara, Pilar Rojo así como o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, o tenente de alcalde, José Manuel Balseiro, a edil de Cultura, Begoña Alonso e outras autoridades municipais e galegas. Unha mostra na que se exalta a figura de todos os homenaxeados polo Día das Letras Galegas nos últimos 50 anos, dende que se celebrou por primeira vez no 1963 dedicado a Rosalía de Castro, ata 2013, dedicado a Roberto Vidal Bolaño.

En concreto nela pódese ver un perfil biográfico de cada un dos homenaxeados, así como un vídeo divulgativo e a correspondente medalla a cada autor, obra do debuxante e caricaturista Siro López e o escultor Manuel Ferreiro Badía.

Dende o Concello, o alcalde quixo destacar a importancia desta mostra “que pon en valor a todos os escritores galegos que foron protagonistas na historia do Día das Letras Galegas”, e polo tanto, “é unha mostra que exalta a nosa literatura, a nosa cultura, e a nosa lingua”. Desta forma o rexedor quere convidar a todas as persoas a visitar esta exposición e a saber máis sobre “51 galegos prolíficos”.

Pola súa banda, o tenente de alcalde, José Manuel Balseiro quixo agradecer ao Parlamento de Galicia e á súa presidenta “que elixisen Cervo como o primeiro punto de parada desta mostra itinerante na comarca da Mariña”. Ao mesmo tempo Villares asegura que “o Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos, lugar patrimonial e identitario de Galicia, é idóneo para exhibir unha exposición coma esta”. Sen esquecer que nestas datas Sargadelos recibe numerosas visitas de turistas “que poderán atopar nesta exposición unha opción máis para encher o seu tempo, polo que esta mostra será un valor engadido ao atractivo que xa ten de por si o Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos”.

Exit mobile version