Site icon Crónica3.com A Mariña

As taxas da escola municipal de música baixarán de media para o vindeiro curso un 17%

290714 Foto reunion Escola Musica BurelaBurela, 30 de xullo de 2014. As taxas da Escola Municipal de Música baixarán de media un 17%, segundo lles explicaron o alcalde, José Mª González Barcia, e a concelleira de Educación, Mónica Pedre, aos alumnos e os pais e nais, cos que mantiveron unha reunión nas últimas horas.

O rexedor contou que “a xuntanza convocámola co fin expreso de explicarlles a baixada das taxas da escola de música. Houbo unha regular asistencia de pais e en primeiro lugar o que asumimos con total claridade, e así llelo fixemos saber, é que a aplicación das taxas no curso 2013-2014 dislocaba algunhas economías familiares. O feito de ter suprimido no seu momento as deducións por empadroamento, que son ilegais, trouxo consigo un incremento nas taxas do curso 2013-2014. A partir dese momento puxémonos a traballar coa asociación de pais da escola de música e coa dirección do centro para buscar fórmulas alternativas e, en base a esas conversacións, atopámolas. E así as taxas baixan en conxunto unha media dun 17 por cento con respecto ao curso anterior”.

González Barcia e o seu equipo consideran que “é unha baixada importante e ademais diferénciase a participación das persoas que están matriculadas na propia escola de música nalgún dos seus apartados daquelas que soamente optan a matricularse no apartado de agrupacións. Isto antes non estaba nada claro en canto ás taxas e agora aclárase”.

Tanto o alcalde coma a concelleira de Educación explicáronlles aos asistentes que “tamén se regula a participación de antigos alumnos en actividades da propia escola e por primeira regúlase a matrícula nas actividades que fóra do curso académico, pero dentro da programación escolar, organice a escola coma por exemplo o curso de música interdisciplinar”.

Segundo o rexedor burelés “isto en conxunto foi ben aceptado polos pais, que evidentemente preguntaron, porque tiñan as súas dúbidas. Ademais falouse da posibilidade de que a escola municipal de música conte cun profesor de canto para o próximo curso. Non hai unha fórmula pechada para isto, agora mesmo estámolo estudando, pero probablemente a principios de curso haxa algo concreto ao respecto”.

Mónica Pedre e José Mª González Barcia lembráronlles aos asistentes que “nós creamos a escola municipal de música no seu momento, polo tanto non imos aceptar que baixen as súas capacidades e de feito nestes tres últimos anos incrementamos o profesorado: contratáronse nos últimos dous cursos un profesor de óboe, un de frauta e un de clarinete, todos eles titulados na súa respectiva especialidade. E se conseguimos que a escola teña un profesor de canto creo que moito máis non se pode facer, ademais de baixar as taxas”. E tiveron palabras de agradecemento para a asociación de pais da escola de música e a dirección do centro “polo traballo feito neste curso para a adecuación das taxas da escola de música”.

O rexedor manifestou que “nós cremos no proxecto que está en marcha, é mellorable como todo e ao que se lle poden ir sumando cousas, pero demóstrase que aposta pola calidade e polo futuro”.

O alcalde subliñou que “unha mostra máis do compromiso que ten o equipo de goberno coa escola municipal de música e cos alumnos e pais que forman parte da mesma é que se concedeu, un ano máis, unha subvención á asociación do centro para fomentar a actividade da mesma e que repercuta de forma positiva e favorable nos alumnos”.

No encontro celebrado no Concello “preguntóusenos pola banda de música e dixemos o mesmo de sempre: nós entendemos no ano 2008 que a banda debía seguir vinculada á escola municipal de música, adoptouse unha decisión coa que non estábamos de acordo e así o dixemos nese momento; e mantemos que a banda de Burela, que non é municipal, pode e debe integrarse na escola municipal de música. Esta é postura que adoptamos e fíxoselle saber en varias ocasións á directiva da asociación de amigas e amigos da banda e estamos á espera de que nos digan algo, pero a nosa idea é que este asunto debería quedar pechado a principios de curso”.

Exit mobile version