Acompañado do secretario xeral Jose Manuel Balseiro e do alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, Barreiro e os deputados lucenses abordaron diversos aspectos de actualidade entre os que destacou o esforzo investidor da Xunta na comarca da Mariña lucense, materializado nas últimas datas en ámbitos que cualificou de estratéxicos, tales como as infraestruturas, a sanidade, os servizos sociais e o emprego.
INFRAESTRUTURAS
No ámbito das infraestruturas Barreiro salientou o avance na tramitación administrativa das obras de acceso ao porto de Burela, un proxecto vital para a mellor comunicación viaria desta importantísima dársena e da súa actividade pesqueira e comercial. A Xunta puxo data o mes próximo as actas de ocupación que, polo trámite de urxencia, permitirán as novas expropiacións.
Continuando neste ámbito Barreiro valorou moi positivamente a licitación anunciada onte pola Xunta do proxecto de obra para o ensanche, mellora do firme e sinalización da estrada Lu-124, treito Mondoñedo-Lindín que contribuirá a garantir uns accesos de calidade a autovía do Cantábrico. A finalización da A8 foi, para Barreiro, unha das actuacións máis importantes -non so polo grande investimento que supón senón polos efectos positivos que implica o aumento do número turistas que, empregando esta autovía xa completa na nosa provincia, visitan moitas localidades da Mariña e fan uso de restaurantes, comercios e servizos.
PLAN DIRECTOR DO HOSPITAL E ONCOLOXÍA
No ámbito sanitario, Barreiro salientou o desbloqueo da tramitación do Plan director do Hospital da Costa, cuxa adxudicación é inminente. O presidente provincial marcou como prioridade absoluta seguir avanzando nos trámites administrativos que permitirán dispoñer do proxecto construtivo. Sinalou que o compromiso co Hospital da Costa é firme, pese a complexidade dunha actuación destas características, que supón, por unha banda, determinar os novos espazos, servizos e a tecnoloxía a incorporar e facelo compatible coa continuidade da actividade habitual do centro.
Barreiro salientou tamén que este ambicioso proxecto non é incongruente coas melloras que se poidan introducir xa mesmo na prestación de servizos sanitarios tales como a unidade de hospitalización a domicilio, en plena operatividade, e as obras que continúan en execución durante do denominado como hospital de día oncolóxico, que rematarán co obrigado desprazamento a Lugo ou á Coruña da maioría dos enfermos que reciben tratamento de quimioterapia
RESIDENCIA EN FOZ
No ámbito dos servizos sociais Barreiro salientou o investimento que a Xunta executa na nova residencia para persoas maiores de Foz, que se materializará co inicio das obras, así como os apoios que o Goberno realiza en todos os concellos da comarca para o soporte do servizo de axuda no fogar para persoas dependentes ou a execución de garderías, como a nova de Burela, un dos concellos de maior poboación infantil
O EMPREGO COMO PRIORIDADE
En materia de emprego, Barreiro sinalou que en plena crise o Goberno galego volve a apostar pola Mariña lucense, achegando 710.000 euros para a posta en marcha dos obradoiros. A esta cantidade hai que engadir o financiamento e apoio dos custes de contratación do persoal que conforma as brigadas municipais contra incendios e o servizo de socorrismo en praias e piscinas así como das oficinas de turismo.
ORZAMENTOS DE 2015
O encontro que ten lugar tras o remate do período de sesións serviu tamén para marcar a estratexia a seguir nos próximos meses. Tras o verán, sobre a mesa están asuntos tan importantes como a fixación dos orzamentos autonómicos para 2015. Barreiro entende necesario centrarse na finalización destes proxectos en execución e o desbloqueo doutros como o treito autonómico do Corredor da Costa, nova prioridade.