Site icon Crónica3.com A Mariña

Bumei demanda partidas orzamentarias para SAF e políticas específicas de igualdade na xuntanza para os orzamentos participativos da Deputación en 2015

A asociación de Mulleres en Igualdade-Burela (BUMEI) acudiu o pasado día 1 de xullo á reunión convocada pola Deputación Provincial de Lugo en Viveiro para recoller propostas para os orzamentos provinciais do próximo ano.

A asociación estivo representada pola súa presidenta Mary Fraga Fernández, e membros da directiva da Asociación Mulleres en Igualdade-Burela que suscitaron dúas cuestións a ter moi en conta nos orzamentos provinciais:

1 .- O incremento das partidas orzamentarias para SAF (Servizo de Axuda no Fogar) básico, así como para políticas específicas de igualdade e de apoio á muller. Desde BUMEI, entendemos que a Deputación ten a obrigación de mellorar substancialmente as axudas aos concellos para o SAF, atendendo á Lei de Servizos Sociais de 2008 (redactada polo bipartito da Xunta).

Por outra banda, “botamos en falta políticas e partidas económicas en materia de muller e igualdade: as asociacións que traballamos neste campo non atopamos apoio algún no bipartito provincial e só grazas á Xunta e aos concello sensibles na materia pódese facer un traballo mínimamente rigoroso. Dicir que no mandato provincial anterior si había consignación económica para políticas de muller e igualdade”, asegura Mary Fraga.

2 .- Distribución equitativa do diñeiro de investimentos entre todos os concellos. “É norma da Deputación Provincial a firma de convenios, en certos casos de moito diñeiro, con determinados concellos, mentres que outros se quedan con moi pouca ou ningunha achega do ente provincial. Polo tanto, entendemos que esta situación debe enmendarse, e facer que o diñeiro de investimentos distribúase de forma máis equilibrada entre todos os concellos da provincia”.

Desde BUMEI agardan que as boas intencións Presidente Provincial coa organización da reunión de Viveiro “non se queden niso”. Por iso, “confiamos en que as peticións que lle fixemos chegar na mesma sexan atendidas, e non porque as fixemos desde BUMEI, senón porque son peticións que teñen todo o sentido común e que un goberno que se precie debe atender. Os orzamentos da Deputación de 2015 dirannos se Besteiro tomou boa nota e de verdade escoita aos colectivos e asociacións”.

Exit mobile version