Site icon Crónica3.com A Mariña

Caamaño explicará en Viveiro as consecuencias que terá tanto para os cidadáns como para o sector xurídico a supresión do Partido Xudicial

LUGO, 9 DE XULLO DE 2014.- A executiva provincial, que dirixe Juan Carlos González Santín, continuará este xoves en Viveiro co programa de xornadas para informar aos cidadáns das consecuencias que terá para a cidadanía a supresión dos Partidos Xudiciais que pretende levar a cabo o Goberno Central. Deste xeito, con esta iniciativa, González Santín dá continuidade ao compromiso asumido na reunión mantida a finais de abril con alcaldes e voceiros socialistas, e na que acordaron conxuntamente promover unha serie de mobilizacións nos diferentes municipios implicados pola redución das circunscricións, ademais da presentación de mocións no Parlamento de Galicia e no Senado.

Para elo, o encontro, que dará comezo a partires das 20:30 horas da tarde, no Salón Multiusos do concello viveirense, e que está dirixido ao público en xeral, contará coa presenza do ex ministro de Xustiza e, actualmente deputado autonómico, Francisco Caamaño. Deste xeito, o reputado político socialista ofrecerá unha ampla análise da Lei Orgánica do Poder Xudicial, así como dos prexuízos que terá a súa entrada en vigor tando para os cidadáns como para o sector xurídico.

A reforma afecta a máis de 46.000 habitantes
Na actualidade, esta demarcación dá servizo a máis de 46.600 habitantes dos municipios de Viveiro, Burela, Cervo, Foz, Ourol, O Vicedo e Xove. Hoxe en día, a poboación da comarca atópase a unha distancia máxima de 30 minutos do Partido Xudicial pero, co novo mapa formulado polo Goberno, algúns cidadáns, como é o caso dos de O Vicedo, veranse na obriga de asumir desprazamentos que poden rondar as tres horas para acudir ao novo Tribunal Provincial de Instancia, e que estará situado no concello da capital.

Á vista destes datos, queda claro que o proxecto do Goberno de Rajoy discrimina á cidadanía, pois ocasiónalles máis custos e limita o seu acceso á Xustiza. Asimesmo, provocará un colapso do órgano de Lugo, pois este terá que asumir en solitario os máis de 36.000 casos que atenden na actualidade as nove circunscricións existentes. Só a de Viveiro, tramita máis de 4.400, de tal xeito que sitúa como o segundo Xulgado da provincia con máis volume administrativo. O primeiro é o lucense, que asume máis de 18.000 expedientes.

Máis medidas do PSOE
Esta é a segunda xornada informativa que celebra a executiva provincial. A primeira tivo lugar o pasado día 3 de xullo, en Monforte de Lemos. Malia todo, dende o PSOE xa se está a traballar na organización dos restantes encontros, que se celebrarán nas outras cabeceiras de comarca con Partido Xudicial. Asimesmo, os socialistas tamén continúan coas concentracións e coa campaña de recollida de sinaturas por toda a provincia. E é que, tal e como denunciaron en distintas ocasións, o proxecto supón un novo recorte doutro servizo público para os veciños dos municipios que conforman as oito circunscricións que pretende eliminar o Goberno estatal.

Exit mobile version