Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo axuda ás familias na compra de material escolar e libros para educación infantil

Cervo, 24 de xullo de 2014- O Concello de Cervo publicou no BOP a convocatoria de axudas á escolarización das que se poden beneficiar as familias con fillos en segundo ciclo de educación infantil (de 3 a 5 anos). Unha subvención destinada a apoiar ás familias na compra de material escolar e libros á que o Concello destina en total 5.000 euros, financiados con fondos municipais integramente.

Desta maneira, cada familia pode recibir ata 130 euros para material educativo “que supón un gasto extraordinario nas economías familiares” asegura a edil de Educación, Pilar Armada.

Un ano máis o Concello mantén a mesma contía de axudas á escolarización co obxectivo de “apoiar ás familias para poder afrontar con máis facilidade o comezo dun novo curso escolar”.

Para poder optar a estas axudas as familias deberán reunir certos requisitos establecidos na convocatoria, como son estar empadroado no Concello de Cervo, ter fillos cursando o nivel de estudos citado nalgún dos centros públicos cervenses e sempre atendendo ao nivel de ingresos.

As solicitudes deberán presentarse no Rexistro Xeral da Casa do Concello, aínda que a documentación tamén se poderá recoller na Casa da Cultura. O prazo está aberto ata o día 18 de agosto.

Exit mobile version