Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo clausura os Talleres de Memoria e a Escola de Maiores

cursos_memoriaCervo, 2 de xullo de 2014- O Concello de Cervo despediu esta tarde os Talleres de Memoria e a Escola de Maiores, dúas actividades que se veñen desenvolvendo no municipio dende o mes de outubro e que se estiveron impartindo nos locais sociais e antigas escolas das parroquias de Rúa, Trasbar e San Román, así como no Ecomuseo de Cervo e na Casa da Cultura de San Cibrao.

En total, entre as dúas actividades, participaron unhas 40 persoas que hoxe no acto de clausura recolleron os seus diplomas. Un evento que tivo lugar no local social de Trasbar, que o Concello de Cervo ampliou e mellorou recentemente co obxectivo de atender as necesidades da veciñanza do burgo. Nel estiveron presentes o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, a edil de Servizos Sociais, Pilar Armada, a profesora dos Talleres de Memoria, Lis Peña, e a da Escola de Maiores, Dolores García.

Os Talleres de Memoria son unha actividade consolidada que se vén ofrecendo todos os anos cun nivel de seguimento que se mantén edición tras edición. Neles o alumnado realiza diferentes exercicios para mellorar e potenciar as súas capacidades cognitivas e estimular a súa memoria.

No caso da Escola de Maiores o departamento de Servizos Sociais púxoa en marcha por primeira vez este curso de forma complementaria aos Talleres de Memoria. Así, neste caso o obxectivo era ampliar coñecementos sobre diferentes materias así como outros temas da vida cotiá.

Armada asegura que “estas dúas actividades son fundamentais para que os nosos veciños se manteñan activos e teñan opcións para pasar o seu tempo libre”. O rexedor e a edil aproveitaron para recoller as impresións dos alumnos con respecto a estas iniciativas e ao mesmo tempo felicitáronos polos seus avances ao longo do curso.

Exit mobile version