En concreto, a regata sairá da praia do Torno e incluirá dúas ceavogas, polo que finalmente os competidores completarán catro traxectos de 500 metros entre a praia do Torno e a boia situada no dique Anxuela.
O alcalde, Alfonso Villares, o edil de Deportes, Luis Guillén, o presidente do Club Náutico, Marcelino Bermúdez e Moisés Teixeira, responsable da sección de Remo, presentaron o cartel xunto aos trofeos que se entregarán o día da regata. Unha competición que organiza o club e coa que colabora o Concello de Cervo co obxectivo de fomentar este deporte que Amigos do Mar está traballando para impulsar.
Guillén asegura que o Concello comparte ese obxectivo de promover o remo entre a poboación. Neste sentido lembra que hai uns meses a administración local achegara 6.000 euros para a compra dun batel de competición que foi cedido ao club e no que a Xunta tamén colaborou destinando 6.200 euros. O edil asegura que organizar unha regata de bateis é unha “forma excepcional de darlle visibilidade a este deporte”.