Site icon Crónica3.com A Mariña

Comedores escolares de verán

Fernando Lacaci.- Nestes últimos días estase a debater nos medios de comunicación unha iniciativa que pretende conseguir que os comedores escolares abran as súas portas durante o verán para “paliar a fame infantil”.

Na Confederación de Anpas Galegas queremos expor a nosa opinión consensuada sobre este aspecto, que podemos resumir nos seguintes puntos:

• Estamos diante dunha situación de indiscutible crise económica, na que levamos instalados máis de seis anos, e cun sistema político que está facendo evolucionar o país cara unha cada vez maior desigualdade. É evidente que existe urxencia no tratamento das necesidades sociais, e na cobertura dos múltiples casos de necesidade que se están a detectar.

• A existencia das necesidades económicas que se están a denunciar é unha consecuencia das políticas económicas e sociais que están levando a cabo os actuais gobernos galego e español.

• É obriga das autoridades políticas proporcionar todas as solucións necesarias ás carencias económico-sociais que existan entre a cidadanía.

•Esas solucións deben estar artelladas polos servizos sociais, polos profesionais do sector, e teñen que se enfocar dun xeito integrado; tanto no que se refire ao tratamento das familias no seu conxunto, como no que ten que ver coa cobertura de todas as facetas de cada individuo.

• Calquera resposta que se dea ao problema debe ter moi presente o respecto á dignidade dos individuos, á súa privacidade e intimidade. A atención ás necesidades básicas da infancia debe facerse dentro dun tratamento integral das súas familias, que son o seu lugar de abrigo e referencia, e o seu ámbito espacial e emocional.

É certo que quen ten fame necesita comer, pero pode comer nun espazo socialmente protexido e familiarmente amable como pode ser a propia casa, coa seguridade de que todos os seus están tamén comendo, sen ser levado a un lugar onde, de xeito extemporáneo, poderá ser xulgado, diferenciado, clasificado e, finalmente socialmente excluído (aínda que ese non fose o obxectivo). Un segundo escenario que rexeitamos totalmente.

• As accións que se realicen deben ter unha proxección a medio e longo prazo: non abonda con alimentar a quen ten fame, hai que traballar para que non se volva a ver nesa situación. As accións a curto prazo son simple beneficencia e non solucionan ningún problema real.

• Este non é un problema educativo, é un problema social, e non son as ANPAs quen deben facilitar ningún tipo de información ao respecto, porque esta sería incompleta xa que carecemos dos datos precisos para facer unha diagnose de conxunto.

En conclusión: rexeitamos a apertura de “comedores para pobres”, sexan escolares ou non, sexan para a infancia ou para a madurez, e esiximos que a administración dea cobertura ás necesidades sociais con rigor e seriedade, actuando por medio de profesionais, e mantendo unha visión a longo prazo que pasa necesariamente polo cambio de modelo económico-social que estamos a soportar nestes últimos anos.

Para un maior e máis completa información do noso punto de vista, invítovos a visitar o artigo publicado no noso blog: http://www.anpasgalegas.org/2014/06/apertura-de-comedores-escolares-no-veran-ou-tratamento-integral-das-suas-familias/#more-279

Fernando Lacaci
Vicepresidente de Anpas Galegas

Exit mobile version