Esta súmase ás que se veñen celebrando na comarca da Mariña, en Viveiro e Foz; así como ás de Lugo e Monforte de Lemos, e á Feira do Libro Antigo e de Ocasión que se celebra na capital da provincia. Para a organización de todas elas, a área de Cultura da Deputación ten asinado coa Federación de Libreiros de Galiza un convenio de colaboración por valor de 8.000 euros.
Para Antonio Veiga “é unha moi boa nova poder estar hoxe aquí inaugurando a Feira do Libro de Ribadeo. É unha boa nova porque despois de vinte anos recuperamos unha cita cultural de referencia, que nos achega o mellor da nosa literatura e supón unha oportunidade única para que o sector editorial dea a coñecer o seu traballo”.
A Feira do Libro de Ribadeo xa abriu as súas portas ás doce do mediodía deste xoves, no parque San Francisco de Ribadeo, e estará aberta ao público ata o vindeiro domingo, 20 de xullo, en horario de mañá de 12 a 14 horas, e en horario de tarde de 18 a 22 horas.
O acto inaugural deu comezo coa actuación do grupo de clarinetes da Escola Municipal de Música de Ribadeo, para continuar cunha quenda de intervencións dos alí presentes, sendo Dores Fernández a encargada de pronunciar o pregón inaugural da Feira do Libro de Ribadeo. O acto rematou cunha visita aos 11 stands que forman parte desta edición da feira.
O Servizo de Publicacións dependente da área de Cultura da Deputación de Lugo estará entre eses postos de exposición e venda, no que se poderán adquirir exemplares dos últimos libros editados pola institución provincial. Expositores que estarán acompañados por diversas actividades para os máis pequenos, música e teatro.
Neste sentido, Veiga explicou que “dende a Vicepresidencia da Deputación de Lugo damos luz a proxectos de colectivos culturais e sociais da provincia grazas ao noso Servizo de Publicacións, dando a coñecer, así, estudos e traballos sobre a nosa provincia, así como textos literarios de figuras lucenses para moitos descoñecidas”.