Site icon Crónica3.com A Mariña

‘Cultura sobre rodas’ ofrece durante o verán 30 representacións por toda a provincia con Mircromina Títeres

Lugo, 17 de xullo de 2014. A área de Cultura da Deputación de Lugo, no seu afán por apoiar as distintas asociacións e por impulsar a cultura nas súas diferentes vertentes, un ano máis pon en marcha o programa “Cultura sobre rodas”. O vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, foi o encargado de presentar esta iniciativa coa que, segundo explicou, “buscamos achegar a un público familiar actividades culturais de calidade, para complementar aquelas que xa realizan as propias asociacións, co obxecto de encher, dunha maneira alternativa e gratuíta, o tempo de lecer estival”.

Durante a súa intervención, Antonio Veiga explicou que “o obxectivo de ‘Cultura sobre rodas’ radica en potenciar o tecido asociativo dos concellos e parroquias, xa que son os pequenos colectivos os que máis traballan por desenvolver a actividade cultural de base, sobre todo nestes momentos de crise económica”, e fixo fincapé en que “a experiencia nos demostra que na maioría dos casos existe un compromiso máis firme por parte destas asociacións que dos propios concellos”.

Nese sentido, o vicepresidente da institución provincial precisou que “é aí onde a área de Cultura ten o compromiso, e quere mostrar o seu apoio explícito e claro para que as asociacións poidan manter programas culturais de altura” e animou ás asociacións culturais que o desexen a levar ao seu concello a tradición oral da man de “Cultura sobre rodas”.

Poderán participar todas as asociacións culturais da provincia
Nesta edición, “Cultura sobre rodas” ofrecerá un total de 30 representacións por toda a provincia de Lugo, da peza “Vacacións do mar”, da man da compañía Mircromina Títeres, unha proposta para todos os públicos que presenta un espectáculo de factura propia e totalmente artesanal.

Para inscribirse as asociacións deben cubrir o formulario de solicitude que lles foi enviado por correo postal a todas as asociacións culturais da provincia de Lugo e deberán presentalo no Rexistro Xeral da Deputación de Lugo. As funcións concederanse por estrita orde de chegada das solicitudes.

Mircromina Títeres
Mircromina Títeres é unha compañía con sede estable na Mariña Lucense, en concreto en Mondoñedo. Caracterízase por espectáculos de factura propia e totalmente artesanais. Este colectivo nútrese das técnicas do teatro de títeres máis tradicional. Como titiriteiros e titiriteiras de oficio, asumen a concepción, realización e representación das súas obras: constrúen os bonecos, confeccionan o vestiario, deseñan e nalgúns casos constrúen os decorados, os teatriños e o atrezzo, e crean as historias e mesmo parte da música dos seus espectáculos.

Deste xeito, non só conseguen reforzar a coherencia do seu xeito de facer títeres, senón que este tamén é o segredo da súa cercanía co público que, insensibilizado ás veces ante producións moi tecnificadas ou formatos ambiciosos, conectas coa sinxeleza, claridade e ritmo da proposta escénica de Mircromina Títeres.

Que é Vacacións no mar?
Vacacións no mar é un espectáculo de títeres de guante, no que se conxuga o tradicional estilo da cachiporra, tan eficaz dramaticamente, con uns carácteres e aconteceres renovados para o público de hoxe en día.

Tanto as escenografías como os mecanismos e bonecos son pezas únicas, deseñadas e creadas no obradoiro artesán de Mircromina Títeres. Este espírito artesamal chega ata a música do espectáculo: parte dela foi creada especificamente para o espectáculo por Falsario, artista que traballa en exclusiva para a compañía Mircromina. En canto ao resto, é unha selección de músicas libre e orixinais de Rymsky-Korsakov unhas e temas populares interpretados pola formación lucense Kibitka as outras.

Desta maneira, cun sinxelo e eficaz guión, uns personaxes de marcado carácter e ritmo trepidante, Mircromina Títeres fai a súa contribución á renovación deste xénero dramático e o goce das almas nenas.

Que acontece en Vacacións no mar?
A Mariña encantaríalle viaxar polo mundo adiante. Un día, Moncho chega ao porto co seu veleiro “Ovos con patacas”. Pero nun descoido o pirata Ollo Birollo toma prestada a nave e faise ao mar. Tras 45 minutos de acción, cumprirá Mariña o seu soño de dar a volta ao planeta?

Exit mobile version