Site icon Crónica3.com A Mariña

Deporte da Deputación ratifica o seu compromiso co piragüismo apoiando a LII Travesía Ría de Foz

IMG-20140702-WA0005Foz, 2 de xullo de 2014. O vicepresidente da Deputación de Lugo e responsábel das áreas de Benestar Social e Deporte, o nacionalista Antonio Veiga, participou este mércores na presentación da LII Travesía Ría de Foz, que se disputará nas augas da ría do Masma este sábado, 5 de xullo, e que está dirixida ás modalidades K2 masculino, K1 masculino, K1 femenino, C1 masculino e C1 femenino, todas elas nas categorías veterano, sénior, xuvenil e cadete.

Para esta edición están inscritos 35 equipos, 33 galegos e dous asturianos, que tomarán a saída ás 10.30 nas inmediacións da sede do Club Kayak. O percorrido mantense similar ao de anteriores edicións cunha distancia a percorrer de aproximadamente 12 quilómetros. A única modificación é que se adianta uns metros a ciaboga da regata na que se emprende o camiño de volta a Foz, por mor dunhas árbores caídas na cunca do río, polo que esta situarase á altura do Pozo Mouro, en lugar do Pozo dos Cantos. A entrega de trofeos está prevista para as 13.00 horas, na Praza Conde de Fontao.

Durante a súa intervención, Antonio Veiga fixo referencia ao “compromiso que ten adquirido a área de Deporte da Deputación de Lugo coa promoción dos deportes náuticos, máis concretamente co piragüismo, coas continuas melloras que estamos acomentendo no acondicionamento das instalacións da Escola Provincial de Piragüismo, que cada día da cabida a máis padexeiros e padeeiras de toda a provincia; ou a posta en marcha da Copa Deputación de Piragüismo, da que este ano se disputa a IV edición, e que cada ano conta cun maior orzamento”.

“Imos no bo camiño de pór en valor un deporte histórico en Lugo como é o piragüismo, logo de revitalizalo con diversas colaboracións e a organización de numerosos eventos deportivos que fan que se incremente o número de licencias de padexeiros e padeeiras en toda a provincia, como é a organización desta LII Travesía Ría de Foz, a segunda travesía máis antiga de Galiza, e a terceira máis antiga do Estado, tralo descenso do Sella e o descenso do Miño e, polo tanto, é unha das citas máis importantes do calendario mariñao”, concluíu Veiga.

Exit mobile version