Máis de 131.000 mulleres non teñen traballo hoxe en Galicia, 20.600 máis que hai cinco anos. Esta circunstancia, unida ó gran potencial do medio rural para xerar riqueza e emprego, fan que proxectos como os de FADEMUR ofrezan alternativas viables de futuro para este colectivo, tan castigado durante estes últimos anos de crise.
Gómez Besteiro destacou neste senso que “a muller do rural xoga un papel fundamental na vida e economía familiar, aínda que en moitas ocasións este traballo non se valore. A promoción dos produtos artesanais da provincia e o espírito emprendedor das mulleres son so algunha das claves para xerar riqueza e buscar alternativas de futuro”.
O Presidente aproveitou tamén a ocasión para agradecerlle ás representantes de FADEMUR o seu compromiso coa promoción da Ribeira Sacra para a candidatura de Patrimonio da Humanidade a través do programa Son de Campo, e salientou que “contar co voso apoio demostra o interese que existe entre os galegos e galegas por que se recoñeza a nivel internacional, tanto a riqueza natural, como a biodiversidade que hai en enclaves como o da Ribeira Sacra”.
Pola visibilidade das mulleres rurais
“As mulleres do rural son un dos piares da economía, non soamente da provincia, senón tamén de toda a comunidade. O principal problema é a escasa, por non dicir nula, visibilidade deste colectivo tanto nas estatísticas, como na sociedade”, incidiu a presidenta da FADEMUR. Deste xeito, coa achega do organismo provincial, o colectivo levará a cabo un proxecto de posicionamento e visibilidade, “xa que a muller é un elemento imprescindible para garantir a vida no rural”. Os traballos de FADEMUR axudan a frear o despoboamento dos núcleos máis rurais e, en moitas ocasións, son a única entidade que traballa nesta liña. A federación de mulleres rurais tamén apostou por facerse cargo, en moitas vilas, dos servizos socias, dependentes antes das institucións pero que dada a crise económica, deixaron de lado.
Páxina web
Grazas á achega da Deputación, FADEMUR creará tamén unha páxina web, da que ata o de agora non dispón, e levará a cabo unha campaña a través das redes sociais para incorporar a todas as mulleres emprendedoras e darlle visibilidade ás actividades e produtos que elabora, todos artesanais.
Apoio e asesoramento á emprendedoras
Outra das liñas de traballo de FADEMUR, que coincide coa do organismo provincial, é a de apoiar ós pequenos proxectos de autoemprego e emprendemento; sobre todo de produtos artesanais e de agricultura ecolóxica. FADEMUR busca publicitar e incentivar esta actividade económica e asesora ás mulleres que decidan autoempregarse e poñer en marcha un proxecto. Durante un ano, a asociación ofrécelle apoio a todas elas en aspectos como trámites burocráticos, a viabilidade do proxecto ou as claves para promocionar os produtos.
Ademais de asesoramento e apoio para o autoemprego, coa axuda da Deputación terán lugar encontros e intercambios de experiencias entre as emprendedoras para poñer en común retos, dificultades e mecanismos na resolución de problemas á hora de implantar os seus proxectos.
Tamén se organizarán xornadas de sensibilización sobre o papel da muller do rural. Consistirá nunha serie de actos participativos onde, a través das protagonistas, darase a coñecer o alcance do traballo das mulleres no seu entorno. A través desta campaña fomentarase tamén a candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade, colaborando activamente na recollida de sinaturas e difundindo a candidatura entre as mulleres do rural.