Site icon Crónica3.com A Mariña

Espazo Ecosocialista conmemorará o 25 de Xullo “en defensa da nosa terra e da nova política”

23 de xullo de 2014.- Para conmemorar o 25 de Xullo, Día Nacional de Galicia, dende Espazo Ecosocialista quérese pór o acento na grave situación de crise económica, política, social e ambiental que tamén estase a padecer en Galicia.

Para Espazo “asistimos a desfeitas paisaxística por calquera lado, os investimentos nas infraestruturas de transporte máis contaminantes acompañan á eliminación do apoio ás enerxías renovábeis. As subvencións ás enerxías fósiles corren parellas coa desaparición das políticas de educación ambiental. Se parcela o noso territorio para facilitar á actuación da megaminaría, se entregan os montes á industria papeleira e enerxética namentres asistimos impertérritos á destrución do tecido rural, verdadeiro garante da nosa capacidade de alimentármonos, da nosa soberanía alimentar”.

Dende Espazo quérese denuncir e mesmo combatir “esta irracionalidade macroeconómica neoliberal implica tamén un recorte brutal de dereitos sociais a nivel galego, estatal e europeo. Esquécense as políticas redistributivas, concentrando aínda máis a riqueza nunhas poucas mans, á vez que porcións cada vez maiores da cidadanía van incrementando o seu grao de exclusión. Perséguese aos activistas dos movementos sociais con todas as ferramentas represivas coas que conta o Estado e modifican a legalidade para xustificalo”.

Para a organización ecosocialista “é imprescindíbel repensar a nosa sociedade en todas as súas facianas: a económica, a enerxética, a laboral, a social, a territorial, a alimentar …xa que nin as vellas fórmulas keynesianas de obra pública nin a ausencia de fórmulas do neoliberalismo descerebrado poden dar resposta ás novas realidades”.

Mais este cambio de paradigma é imposible sen unha participación social profunda na súa definición e desenvolvemento. Afortunadamente estamos a vivir a un novo tempo político que nos fala dunha maior participación cidadá, dun novo xeito de entender a política ligada ás demandas reais da xente, ao Ben Común, salientan dende Espazo.

O movemento do 15M, a crise da política clásica, a irrupción de AGE, as marchas da dignidade ou o xurdimento de Podemos son capitulos dun mesmo episodio político de cambio ligado ao esgotamento dun modelo político onde a democracia era entendida como un instrumento a unha nova etapa onde a democracia empeza a ser entendida como unha expresión cívica e cultural. “Os novos proxectos locais de participación política aberta que están a xurdir, como Marea Atlántica na Coruña e outros, son a mellor resposta que pódese dar ás demandas de cambio de política e de representantes políticos que a cidadanía crítica galega esixe” afirman dende Espazo.

“Por todo isto, o 25 de xullo non só temos que falar de patria, de nación, de galeguidade namentres asistimos impertérritos á destrución dunha parte fundamental destes conceptos: a terra” rematan dende Espazo Ecosocialista.

Exit mobile version