Site icon Crónica3.com A Mariña

Este xoves terá lugar a última mesa de contratación que avalía as ofertas presentadas para elaborar o Plan Director do Hospital da Costa

Lugo, 23 de xullo de 2014.- Os deputados mariñáns do Partido Popular de Galicia, Jose Manuel Balseiro e Vidal Martínez-Sierra anunciaron este mércores que, cumprindo os compromisos adquiridos, este xoves 24 de xullo, ás 13.30h, terá lugar a última das mesas de contratación que, convocadas polo Sergas, ten como principal encargo realizar a avaliación final das ofertas presentadas polas distintas empresas interesadas en elaborar o Plan Director do Hospital da Costa.

Como resultado desta derradeira xuntanza da mesa de contratación prevista para mañá, os integrantes da mesma –funcionarios e cargos responsables dos departamentos de Intervención, Orzamentos, Compras e Servizos e da Asesoría Xurídica do SERGAS- realizarán unha proposta de adxudicación e determinarán a empresa que, ao xuízo dos criterios obxectivos avaliados, disporá dun prazo de seis meses para elaborar o Plan Director.

Áxil tramintación administrativa
Os populares salientan a celeridade coa que se están dando os últimos pasos administrativos despois de que o Goberno galego decidirá desbloquear a adxudicación deste Plan Director, licitado o pasado ano, en cumprimento dos compromisos adquiridos polo Partido Popular e polo Presidente da Xunta de Galicia. Deste xeito, toma forma o proxecto que determinará o modo no que se acometerá a remodelación e ampliación do centro hospitalario da Mariña lucense tras 28 anos de actividade.

A segunda mesa de contratación en menos de 15 días
Esta nova cita da mesa de contratación terá lugar despois de que, a semana pasada, tal e como confirmaron onte os deputados populares, tivera lugar unha primeira xuntanza na que se fixo un estudo preliminar do contido das nove ofertas presentadas, conforme aos criterios administrativos e técnicos marcados polo Sergas. Tras esta primeira xuntanza o Goberno galego encargou a elaboración, con urxencia, dos informes técnicos que puntúan cada unha das propostas presentadas, documento que se estudará mañá. Os populares salientan que, tal e como estaba previsto, o Goberno galego autoriza o último paso previo á adxudicación.

Exit mobile version