Site icon Crónica3.com A Mariña

Finalizou con éxito a campaña de verán do Concello de Ribadeo con 300 nen@s participantes

Ribadeo, 28 de xullo de 2014. Trescentos nenos e nenas participaron nas actividades de verán que para eles organizou o Concello ribadense. Un dos obxectivos das Concellarías de Cultura, Mocidade e Deportes, que levan a cabo a través da OMIX esta programación, “é o apoio ao desenvolvemento da actividade xuvenil, e máis concretamente a realización de programas de acción referidos á ocupación do tempo libre. Para acadar este obxectivo, púxose en marcha, un ano máis a tradicional campaña de verán, que vén recibindo unha enorme aceptación entre o nenos e nenas de Ribadeo”.

Desde o Concello sinalan que “todo isto para atender as expectativas e responder aos intereses da xuventude no seu tempo libre, potenciando o traballo en equipo, a convivencia, a igualdade, o tolerancia e posibilitando o coñecemento do seu contorno próximo (ambiental e cultural), así como o doutras culturas, tradicións e costumes a través de experiencias novidosas e enriquecedoras, dentro do que se denomina ocio formativo”.

Ao longo das últimas semanas houbo colonias para nen@s de primaria e infantil en horario de 9 a 14 horas, do 30 de xuño ao 25 de xullo, que se realizaron no colexio Gregorio Sanz. “O que quixemos neste caso foi facilitar unha alternativa de ocio para os máis pequenos que potencie a cultura creativa, en igualdade, emprendedora entre os nenos e nenas, enfocándoos cara a condutas e actitudes de colaboración, cooperación, coordinación, crecemento da identidade a autonomía persoal”, engaden desde as Concellarías organizadoras.
Tamén houbo deportes: fútbol , baloncesto 3×3 e béisbol do 2 ao 18 de xullo na praza de España en horario de 10:30 a 13:30 horas.

Os nen@s de Ribadeo tamén gozaron de campamentos este verán. Rumbo ao mundo. Un verán para viaxar estivo destinado a nenos e nenas de 9 a 11 anos do 1 ao 8 de xullo nas instalación do colexio Gregorio sanz. “O campamento ofreceulles aos nenos e nenas a posibilidade de vivir unha aventura e converterse en exploradores do mundo. Para levala a cabo tiveron que facelo en equipo, convivindo e cooperando entre eles/as. O que lles permitiu abordar de xeito práctico determinados contidos educativos que resultan fundamentais para o seu desenvolvemento como seres sociais como son a igualdade de xénero, a tolerancia, a solidariedade, a multiculturalidade, a cultura da paz entre outros”, indican desde o Concello.

E Encoro de Cecebre estivo dirixido a nenos e nenas de 11 a 14 anos do 12 ao 21 de xullo e tivo por escenario concretamente o parque natural de Abegondo-Cecebre. “Neste marco incomparable desenvolveron o programa de actividades sendeiro: granxa Escola. As actividades que se realizaron na granxa escola, complementaron a labor educativa da educación formal mediante un contacto directo coa natureza por parte dos nenos/as, sendo estes os seus principais beneficiarios/as. As actividades (obradoiros, fabricación de queixo, pan, actividades deportivas e lúdicas: equitación, piragüismo, tiro con arco, rappel, tirolina, sendeirismo…) encamiñáronse a disfrutar das actividades deportivas, recreativas e de ocio, fomentar o respecto e o coidado cara os animais e en xeral cara o medio ambiente, colaborar na elaboración de produtos artesanais, desenvolver a sensibilidade e o respecto polas costumes do entorno rural, o traballo en equipo e as relación inter persoais”.

Desde as Concellarías de Cultura, Mocidade e Deportes agradecen “a participación dos nenos e nenas de Ribadeo nestas actividades. E alegrámonos de que viviran unha experiencia gratificante e moi enriquecedora”.

Exit mobile version