Site icon Crónica3.com A Mariña

Flores dun día

As flores dun día, sonche flores de usar e tirar, flores que só serven para un momento de esplendor, e que posteriormente se murchan sen máis. Son flores coma as que laboriosamente moitas mulleres e homes de Viveiro, con gran sacrificio preparan nas alfombras florais do día do Corpus.

Admiro e respecto profundamente a toda a xente que traballa polo ben común en organizacións sociais, culturais, deportivas, ong, de muller, relixiosas ou benéficas, sen máis ánimo que mellorar a vida das súas veciñas e veciños ou o benestar do seu pobo.

Así ben, tamén son dos que cree firmemente, nunha sociedade máis xusta e igualitaria. Nunha sociedade na que a liberdade de elección prime sobre a imposición ideolóxica ou relixiosa. Acreditamos polo tanto, nun estado social e laico, no que as persoas exerzan o culto ou formen parte da relixión que consideren oportuna con total liberdade. Un estado laico, e que utilice os seus recursos económicos en garantir os dereitos sociais básicos para os seus cidadáns e no que cada relixión ou congregación se autofinancie coas aportacións dos seus fieis. Esta posición non está enfrontada, co apoio puntual a actividades de interese histórico, turístico e cultural que podan realizar as administracións públicas.

Por isto, dende o BNG de Viveiro, criticamos o gasto do goberno de María Loureiro nas flores do Corpus. Un gasto fora de lugar e innecesario, tal e como se atopa economicamente o Concello de Viveiro, e que debera ser afrontado polos propios fieis da Igrexa Católica se así o desexan. Para nós o primeiro é a atención ás persoas.

A Alcaldesa, xustificou no pleno o gasto pola importancia da Semana Santa de Viveiro, importancia que ninguén nega, pero a Alcaldesa “socialista” non debe confundir un evento puntual de vital importancia turística e cultural, coa totalidade da actividade da Igrexa Católica. Nin debe tampouco confundir, como si o fixo no pleno, a actividade nos colectivos sociais, culturais e deportivos dos concelleiros da oposición, coa súa actividade política. Colectivos nos que non temos constancia da participación da Alcaldesa.

A señora Loureiro, cae nos erros do pasado, deixase guiar polo coñecido ideólogo “socialista”,antes “comunista”, e que basea a súa acción política no odio ao rival e nos ataques persoais. Nós pensabamos que iso formaba parte do pasado, unha mágoa que non sexa así. Viveiro merece outra cousa.

Bernardo Fraga
Portavoz Municipal do BNG en Viveiro.

Exit mobile version