Site icon Crónica3.com A Mariña

Lamela ve absurdo e contraditorio que o alcalde lamente agora a prórroga dos orzamentos locais tras ser o responsable de bloquealos durante catro anos

O Valadouro, 30 de xullo de 2014.- O presidente do Partido Popular do Valadouro, Jose Manuel Lamela, considera absurdo e contraditorio que o alcalde lamente agora as limitacións que para o Concello implica ter durante os pasados catro anos os orzamentos prorrogados cando era precisamente o PSOE, con Udival e o BNG –os socios do tripartito-, os que bloqueaban a aprobación das contas

Segundo o PP Edmundo Maseda tardou moito en darse conta da súa actuación irresponsable e prexudicial para o conxunto dos veciños e das consecuencias do bloqueo que o tripartito impoñía a un Concello, que herdou nunha situación de saneamento financeiro pero cos orzamentos prorrogados, ante a intransixencia das tres forzas políticas que hoxe sosteñen ao Goberno local e que se negaban a negociar.

BLOQUEO DAS CONTAS MUNICIPAIS POR SIMPLE PARTIDISMO
Lamela lembra que socialistas, independentes e BNG non quixeron aprobar as contas dos anos 2009, 2010, 2011 e 2012 e que, tras a moción de censura, en 2014, presentaron uns orzamentos idénticos aos que propoñía o PP, pero que ata este momento rexeitaban por unha simple cuestión partidista

O presidente e portavoz popular dixo que, se Edmundo Maseda non tivera actuado deste xeito tan irresponsable desde a oposición e facilitase, previa negociación, a aprobación das contas locais, hoxe o Concello do Valadouro podería facer uso dunha cantidade moi superior do seu superavit e do remanente de tesourería, pero se hoxe non é así, é por culpa do propio alcalde socialista e non do PP.

Exit mobile version