O rexedor dixo que “hoxe ás catro da tarde chamaban ao concelleiro de Obras uns rapaces que estaba a rozar unha finca na denominada Horta de Olano, porque detectaron que había moita auga na zona. Él chamou aos fontaneiros e presentouse aquí e xa viron que había unha fuga na xeral, nunha canalización de 20 centímetros de diámetro. Empezamos a abrir campo cunha pala, porque isto é unha congostra, e ás seis e media da tarde chegamos ao punto no que se ve como corre. Isto é practicamente un regato, a forma na que corre a auga”.
Fuente Parga indicou que “no día de onte restablecíamos os depósitos, despois da fuga do pasado luns en Benquerencia. A verdade é que nos parecía que podía ser debido ao consumo, pero tamén éramos escépticos con semellante consumo e xa nos diriximos aquí co anterior responsable de augas vendo isto e agora mesmo se van poñer a reparar esta avaría”. O alcalde barreirense subliñou que “grazas a que temos auga almacenada tanto na Barranca como en Merille procederase ao corte desta zona, pero practicamente os usuarios espero que non se vexan afectados. Neste momento todo o mundo ten auga”.
Alfonso Fuente sinalou que “é unha fuga grande, onde se perdía moita auga. Estábanos a saír un consumo diario de auga de 3.600 a 4.000 metros cúbicos ao día. Iso parecíanos unha barbaridade porque o ano pasado en pleno mes de agosto nunca se chegou a ese consumo. O que facíamos era tentar bombear e dar servizo e agora apareceu esta fuga. Trátase dunha traída que vai polo medio do monte e grazas á colaboración destes rapaces demos con ela”.