Site icon Crónica3.com A Mariña

Máis de mil sinaturas piden “solucións oficiais para os problemas ocasionados polo aumento de sacrificios obrigatorios inxustificados no saneamento animal”

FRUGA e gandeiros da provincia procederon a entregar este luns na delegación da Xunta máis de 1000 sinaturas para demandar, novamente, solucións claras os problemas creados este ano co saneamento gandeiro; xa que, a día de hoxe, só se teñen adoptados parches de xeito oficioso.

Os escritos de sinaturas recollidos recollen o seguinte texto:

O saneamento gandeiro é un programa de detección e control de posibles enfermidades que se fai ao total da cabana gandeira bovina galega desde fai máis de 30 anos que o proprio sector valora como positivo e necesario.
Nesta campaña 2014 estanse detectando un forte aumento, aparentemente inxustificado, dos positivos na proba preliminar empregada para a detección da tuberculose, incluso en granxas que nunca antes tiveran un positivo e que non se compran animais de fora da explotación. Este feito está levantado unha grande preocupación nas gandeirías, primeiramente porque isto supón que toda a explotación queda inmobilizada.

Tamén, dependendo da intensidade da afección detectada, teñen que sacrificarse animais. Neste caso, unha vez mortas as reses, fáiselles outra proba confirmatoria, pero acontece que, nestes outros resultados definitivos que se fan despois do sacrificio, sobre o 95 % resultan finalmente negativos.

Comprendemos que, en caso de detectarse unha enfermidade que se poida contaxiar dun animal a outro, o mellor para todos é sacrificalo, pero non comprendemos que se teñan que matar animais dos que non se ten a certeza de que están enfermos.

Por todo isto, solicitamos do Goberno Galego:

– Que se tomen as medidas necesarias para evitar o sacrificio obrigatorio de animais sans.

– Que explique a que se debe este aumento de positivos na proba preliminar da tuberculose nesta campaña

– Que estude métodos de control e erradicación de enfermidades que ofrezan garantías tanto à Consellería do Medio Rural como aos/ás proprios/as gandeiros/as

– En definitiva, apoiar ao sector agrogandeiro, que xera máis do 60% de toda a produción agraria galega.

Exit mobile version