Site icon Crónica3.com A Mariña

Mondoñedo celebra as VII Xornadas do Peregrino organizadas por Abrindo Camiño

rIMG_6611Mondoñedo, 4 de xullo de 2014. O vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, participou, esta tardiña, na inauguración das VII Xornadas do Peregrino que organiza a Asociación Abrindo Camiño, de Amigos do Camiño Norte de Santiago, en colaboración coa área de Cultura da Deputación de Lugo e os concellos de Mondoñedo, Foz, Barreiros, a Comarca Mondoñedo Unida, e o Grupo Literario Leiras Pulpeiro.

Estas xornadas, celebraranse en Mondoñedo os días 4, 5 e 6 de xullo, en Mondoñedo, e entre as actividades previstas para estes dous días contémplase a presentación e proxección do audiovisual e da audioguía do roteiro turístico-literario “Leiras Pulpeiro”; un encontro literario e poético arredor do Grupo Literario Leiras Pulpeiro; o estudo das facetas da prensa, radio e fotografía dese colectivo literario; a presentación e distribución da edición especial do xornal “Mondoñedo”, dedicado a este grupo con motivo destas xornadas, ou concertos como o de poesía musicada de Leiras Pulpeiro e Álvaro Cunqueiro, ou o de música arredor do Camiño Norte e do Roteiro Leiras Pulpeiro.

Tamén se desenvolverán distintas xuntanzas e debates, como a recepción e reunión aberta da Agrupación de Asociacións de “Amigos do Camiño de Santiago do Norte” do Pais Vasco, Cantabria, Asturias e Galicia; cunha visita guiada ao Centro do Camiño Norte; a lectura pública e presentación aos medios de comunicación do manifesto da Agrupación en defensa do trazado actual do Camiño Norte; unha táboa redonda sobre Francisco de Asís e a “tradición da súa peregrinación a Compostela”, na que se estudarán os vestixios franciscanos no Camiño; e un estudo debate sobre as singularidades no Camiño Norte de Santiago.

Completará a programación unha visita á vila de Foz, na que se organizará un xantar con produtos típicos e visita guiada ás praias da Rapadoira e Llas, á Basílica de San Martiño de Mondoñedo e ao obradoiro e xardín botánico de Caxigueiro; así como ás praias e ao Espazo “Eido Dourado” do artista Celso Dourado, en Barreiros, e á praia das Catedrais, ao pobo de Rinlo, á Illa Pancha, ao Cargadoiro e á Fortaleza de San Damián, en Ribadeo.

Neste sentido, Antonio Veiga explicou que “estamos ante unhas xornadas totalmente consolidadas, que xa cumpren a súa sétima edición e á que cada vez se suman máis participantes, e que se teñen convertido na escusa perfecta para dar a coñecer unha parte moi importante do noso patrimonio histórico e natural, ao mesmo tempo que serven para promocionar a comarca da Mariña e o Camiño Norte ao seu paso”.

A área de Cultura da Deputación colabora na dixitalización de arquivos da Biblioteca do Seminario
Ademais, ás 18:00 horas, dentro da mesma actividade, tivo lugar unha visita guiada á Biblioteca do Seminario de Mondoñedo, que dixitalizou unha parte dos seus documentos, que forman o seu importante arquivo histórico documental, grazas ao traballo de técnicos da Universidade de Santiago de Compostela a través dunha axuda concedida pola área de Cultura da Deputación.

Exit mobile version