Site icon Crónica3.com A Mariña

Nova ambulancia medicalizada para o dispositivo de socorrismo nos areais de Barreiros durante este verán

Barreiros, 1 de xullo de 2014. O Concello de Barreiros pon en marcha este martes o servizo de socorrismo nas praias para este verán. Entre as novidades que presenta figura unha ambulancia medicalizada que servirá de quirófano itinerante para atender posibles incidencias nos areais do municipio. Este vehículo súmase ao outro co que xa contaba o Concello en anos anteriores.

O alcalde, Alfonso Fuente, contou que “hoxe poñiamos en marcha o servizo de socorrismo nas praias de Barreiros. Este ano contaremos novamente con 24 socorristas, entre os que se atopa algún auxiliar de clínica ou enfermería. Antes tiñamos unha ambulancia e este verán incrementamos os medios e así contaremos con dúas”. Segundo o rexedor “isto é froito da colaboración coa empresa ambulancias Dorado, de aquí de Barreiros. Eles tiñan un equipo que acaban de estrear, é unha ambulancia totalmente equipada que ven con osíxeno e que serve case coma un quirófano ambulante ou móbil. Cédenolo este verán para empregalo na asistencia ás praias”.

Fuente Parga subliñou que “a asistencia inmediata se mellora moito deste xeito. Desde o momento en que contamos con dúas ambulancias, o posto de primeiros auxilios e cos 24 socorristas na costa o servizo estará mellor. Iso non quere dicir que non vaia pasar nada. Todo o mundo debe extremar as precaucións, debe cumprir coas indicacións que lle fagan os socorristas, e coma novidade o que non as cumpra xa está en aplicación a ordenanza de uso das praias”. O alcalde barreirense considera que “a pesar da crise damos un paso máis coa colaboración desinteresada de ambulancias Dorado, que cede este equipo para que sexa utilizado na nosa costa”.

Alfonso Fuente Parga foi o encargado de presentar este martes na praia de Coto o dispositivo, que xa se pon en marcha, e que durará ata o 31 de agosto. Os socorristas velarán pola seguridade dos bañistas de luns a sábado de doce da mañá a sete da tarde e os domingos do doce da mañá a oito da tarde.

Exit mobile version