Site icon Crónica3.com A Mariña

O artista Neira Brochs cede ao Museo Provincial de Lugo unha peza escultórica da súa obra

Lugo, 22 de xullo de 2014.- O Museo Provincial de Lugo está de noraboa xa que, dende hoxe, suma unha nova peza aos seus fondos artísticos, grazas á doazón dunha escultura do artista viveirense Xosé Luís Neira Brochs, actualmente amosada na retrospectiva do Museo Provincial de Lugo que se lle adica a este autor titulada ‘Neira Brochs. Emocións: 1960-2014’ que estará na sala de Exposicións temporais ata o 31 deste mes.

A obra doada é un estudo dun rostro realizado no seu obradoiro de Area (Viveiro) a finais da década dos oitenta utilizando vidros de cores de 2,5 cms. de espesor e formigón armado. Porén é moi representativa do seu traballo escultórico mesturado neste caso coa intensidade lumínica que proporciona o vidro, material co que traballa a miúdo aínda que este artista multidisciplinar tamén é moi recoñecido pola súa obra pictórica.

Deste xeito, grazas á xenerosidade de artistas coma Neira Brochs, o Museo Provincial de Lugo incrementa a súa colección de obra de autores galegos contemporáneos. Neste sentido, o delegado de Cultura da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, que foi o encargado de recibir esta obra en doazón, explicou que “O Museo de Lugo veuse nutrindo ao longo da historia polas doazóns de distintos artistas, grazas ás cales se foi creando unha colección moi interesante en todas as disciplinas artísticas, ben sexa a nivel pictórico ou escultórico”.

Asemade, Mario Outeiro convidou a todas e todos os lucenses e a todas e todos aqueles que estean por Lugo durante o mes de xullo que aproveiten para visitar a exposición ‘Neira Brochs. Emocións: 1960-2014’, na que se reflicte “a calidade creativa de Neira, paralela á súa calidade humana” ao mesmo tempo que “supón un recoñecemento a toda unha vida dedicada ao difícil mundo da arte”.

O principal obxectivo desta mostra retrospectiva de tantas décadas de fecunda produción artística pretende amosar todas as modalidades de expresión plástica nas que leva traballado: escultura, pintura, debuxo, deseño, vidro, cerámica. Estamos a falar de Xosé Luís Neira Brochs, un dos poucos artistas lucenses vivos con obra exposta no Raíña Sofía (CNARS).

Xosé Luís Neira Brochs
Naceu en Viveiro, en 1941, e sobre a súa aptitude artística lembra que cando era un neno, con tres anos, pintaba nunha parede branca que o seu avó lle encalaba para que debuxara nela. Foi quizais, neses intres, cando se decatou do moito que lle gustaba debuxar e con vinte e dous anos marcha da súa casa a seguir esa vocación.

Os seus persoais avatares biográficos fanlle acumular vivencias como a do París de maio do 68, ou o Berlín dividido polo muro da vergoña, tempos nos que consolidou a súa dedicación ao difícil mundo da creación, buscando camiños de desenvolvemento persoal e independencia creativa que o levan a abandonar un posto de funcionario de correos. Do ano que estivo en París, regresou coa mochila lixeira, pois tirou toda a súa obra ao Sena (agás unhas poucas pinturas). Logo, regresou a Madrid quince anos onde descubriu o mundo das vidreiras comezando a traballar nese oficio cos irmáns Atienza ata que, decidido a actualizar os procedementos antigos con deseños novidosos, se independizou volvendo á Mariña para establecerse definitivamente, no ano 1976, en Area, onde traballa coa paciencia e rigor dun artesán atendendo os encargos que lle fan e deixando a obra pictórica como desafogo creativo persoal porque é na pintura onde se sente máis libre

Exit mobile version